O BNG vota en contra do proxecto de sinalización turístico do concello


O proxecto de sinalización do PP obvia elementos patrimoniais relevantes da Estrada

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, votou en contra do proxecto de sinalización de recursos turísticos da Estrada, que presentou o grupo de goberno do PP no pleno celebrado na tardiña de hoxe xoves.

O concelleiro nacionalista afirmou que “non pode ser que un proxecto que se supón ten que orientar aos turistas e mesmo veciños e veciñas para localizar determinados elementos turísticos de importancia, obvia algúns dos máis destacados, como a Torre de Guimarei, a Ponte de Leira ou o rico románico das nosas igrexas e capelas”.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro do BNG, “a información dos elementos turístico é escasa por non dicir nula na maior parte dos casos, é dicir, que as persoas que nos visitas non saberán que é o que están vendo, falta a contextualización histórica e cultural que poña en valor o noso patrimonio”.

Este proxecto presentado polo PP tamén contempla a creación de rotas de sendeirismo. Sen embargo, para o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “é un sen sentido abrir novas rotas cando se teñen completamente abandonadas as actuais”.

Magariños defendeu o seu voto negativo a este proxecto do PP subliñando ademais que “non se contou sector, algunhas persoas enteiráronse por min do proxecto do goberno municipal, o que demostra que o PP non ten criterio e improvisa, gastando ao chou os recursos económicos do concello”.

O concelleiro do BNG pediu “a retirada deste proxecto chapuceiro, e invitou ao PP a contar co sector turístico da Estrada para instalar unha sinalización que cumpra a súa función que é a de informar do rico patrimonio cultural e paisaxístico da Estrada”.

Advertisements