A Cidade do Moble chega 10 anos tarde


Perdéronse 10 anos para xerar emprego e para impulsar o sector do moble

Plano da Cidade do Móbel

Plano da Cidade do Móbel

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, afirmou hoxe, logo de coñecerse a aprobación definitiva da Cidade do Moble por parte de Xunta de Galiza, que “chega 10 anos tarde, porque se o PP non paralizara e recortara o proxecto impulsado polo BNG durante o bipartito, hoxe estaría construída e funcionando”.

“Mais o peor, non é o tempo perdido”, engadiu o concelleiro nacionalista, “senón o emprego que se deixou de xerar durante todos estes anos e as oportunidades para dinamizar e impulsar o sector do moble da Estrada que nestes intres está na UVI e na Xunta non hai ningún responsábel político que tome as medidas necesarias para reanimar este enfermo”.

Magariños apelou a un cambio destes responsábeis. “O PP tivo 10 anos para lanzar este proxecto e impulsar o sector do moble, e ven agora no tempo de desconto con anuncios”, afirmou, “cómpre un tempo novo, cómpre un goberno novo na Xunta de Galiza que non engane, que sexa audaz e que tome medidas para revitalizar o sector do moble, previa consulta aos propios interesados, desde empresarios a traballadores e traballadoras”.

O concelleiro nacionalista considera lamentábel que “o PP utilice o DOG para facer campaña electoral”. “Sáelle gratis”, afirmou, “pero este anuncio non compromete a nada, porque se despois non hai a partida orzamentaria para a súa construción non serve de nada este anuncio a poucos días do inicio da campaña electoral das Galegas”.

Xosé Magariños tamén enmarcou esta anuncio no contexto de pre-campaña electoral. “O mesmo que dixemos para a escola infantil podémolo extrapolar para a Cidade do Moble, cando vexamos colocar a primeira pedra creremos, mentres tanto poñémolo en corentena até que pasen as eleccións”.

Advertisements