Unhas aclaracións a respecto do reparto dos espazos electorais


A respecto da noticia publicada por diversos medios a respecto da distribución dos espazos electorais o BNG da Estrada quere facer as seguintes puntualizacións:

  • É falso que o BNG non queira recoñecer a AGE dentro dos repartos dos espazos electorais. Para o BNG AGE e En Marea son o mesmo politicamente, pero é a propia En Marea a que di que é un partido diferente, son un partido político rexistrado no Ministerio de Interior a principios de agosto pasado, e polo tanto xuridicamente nada teñen a ver con AGE.
  • É a xunta electoral a que ditamina os espazos que teñen os partidos políticos, que toma como referencia os resultados das eleccións Galegas de 2012, e En Marea non participou nesas eleccións porque daquela non existía como partido político. De aí que o seu reparto sexa inferior, pero en todo caso a xunta electoral si considera que é un partido político significativo.
  • Evidentemente, En Marea pode recorrer o acordo da xunta electoral, pero hai que ter en conta que este criterio é o que está a utilizar a xunta electoral en todo o país, non só na Estrada, para o reparto de espazos publicitarios nas rúas e nos medios de comunicación públicos.
  • Lamentamos o vitimismo reiterado de determinadas formacións políticas que ante a falta de propostas e iniciativas, recorren á mentira e á manipulación para acaparar titulares de prensa, algo habitual nalgúns partidos da vella política, pero semella que os partidos da nova política fan o mesmo.