O BNG pide melloras nas canles de rega tradicionais para paliar a seca que afecta aos cultivos


dsc02367O cambio climático está a producir non só un aumento das temperaturas, senón tamén un cambio na cantidade e no patrón das precipitacións que afecta negativamente aos cultivos

O BNG da Estrada aposta por que o goberno municipal se implique na mellora das canles de rega existentes e a creación doutras novas que permitan un mellor aproveitamento da auga de rega.

Este iniciativa, canalizada polo portavoz municipal da organización nacionalista, Xosé Magariños, a través dunha moción, pretende paliar a seca que este verán afectou a centos de hectáreas de cultivo no noso concello, por mor das escasas precipitacións durante a primavera e verán. Esta iniciativa prevé a implementación dunha partida orzamentaria para mellorar as canles de rega tradicionais, así como axudas para que os agricultores poidan instalar sistema de rega eficientes para os seus cultivos.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista “é evidente que nos atopamos ante unha situación de cambio climático que está a producir non só un aumento das temperaturas, senón tamén un cambio na cantidade e no patrón das precipitacións”. “Neste sentido”, engadiu Magariños, “a adaptación ao cambio climático tamén ten que estar presente na axenda das decisións municipais a fin de garantir a sostenibilidade social e ecolóxica”.

“Temos que evitar o fracaso das colleitas a curto prazo”, afirmou Magariños, “así como a redución da produción a longo prazo, cousa que xa é evidente a día de hoxe con colleitas escasas e de poucas calidade”.

Advertisements