O BNG insta ao alcalde a rematar a traída de auga da parroquia de Souto


Xosé Magariños: “é unha obscenidade que se presuma de que hai 1.6 millóns de euros reservados para unha obra que non é prioritaria como a ampliación da Alameda, e mentres tanto hai veciños e veciñas da Estrada que non teñen garantido un servizo de auga potábel”

grifoO portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, esixiu hoxe ao alcalde da Estrada rematar “dunha vez por todas” a traída de auga da parroquia de Souto, “unha obra que leva anos estancada sen que o grupo de goberno sexa quen de poñerlle remedio nin solución”.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista “os veciños e veciñas de Souto están fartos de que o goberno do PP da Estrada non remate o proxecto da traída de auga que iniciou o BNG cando estaba no goberno municipal e que constaba de tres fases, das que se remataron as dúas primeiras e só falta a terceira, pero é a máis importante”.

Para o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “é unha obscenidade que se presuma de que hai 1.6 millóns de euros reservados para unha obra que non é prioritaria como a ampliación da Alameda, e mentres tanto hai veciños e veciñas da Estrada que non teñen garantido un servizo de auga potábel nos seus domicilios como é o caso da parroquia de Souto, pero tamén poderíamos falar de Codeseda, parroquia á que se lle subministra auga potábel en cisternas desde antes do verán”.

Magariños afirmou que “o dereito á auga potábel é un dereito humano universal” e instou ao alcalde a “poñer na axenda das súas prioridades as necesidades básicas dos veciños e veciñas da Estrada, e en concreto as dos veciños e veciñas de Souto, que teñen dereito á traída de auga potábel que tantas veces se lles ten prometido”.