O alcalde aparca o discurso social de campaña e abraza o neoliberal


O acceso á auga potábel é un dereito humano universal e así o cre o BNG que actuou en consecuencia cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta e no Concello

Rematada a campaña electoral continua na que estamos inmersos, o alcalde aparca o discurso social e abraza o discurso neoliberal como se puido apreciar na contestación á nosa última nota de prensa sobre a traída de de Souto. Segundo o rexedor municipal cada quen que se busque a vida para ter auga potábel nas súas casas, iso é un asunto privado, que non vai co goberno municipal, máis preocupado por ampliar a Alameda ou por facer de brocker de Mercadona.

O acceso á auga potábel é un dereito humano universal e as administracións públicas teñen que velar polo cumprimento dese dereito fundamental, tanto na vila como no rural. Así o cre o BNG e así actuou cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta e no Concello. Sábeno ben os veciños de Couso, San Xurxo de Vea e os de Souto, onde se acometeron traídas de auga potábel (nesta última parroquia non deu tempo a rematala), porque consideramos que é un servizo fundamental que deben ter os veciños e veciñas, que para iso pagan impostos.

Porén, o goberno municipal do PP cobra impostos e taxas á altura do século XXI, e sen embargo presta servizos á altura do século XIX, como moi ben poden comprobar os veciños e veciñas da vila que intermitentemente sofren cortes no subministro da auga potábel, un servizo cuxa prestación corre a cargo do concello, un problema que o goberno municipal do PP non quere ou non sabe darlle solución.

Ademais dos xenerosos impostos que pagan relixiosamente os veciños e veciñas da Estrada, o noso concello é periodicamente regado cunha enxurrada de millóns de euros, como pode ser neste caso os fondos europeos do programa EDUSI, cuxa finalidade é crear un concello sustentábel a base de cemento e obras que non necesitamos, mentres que hai veciños e veciñas que sofren cortes na auga ou directamente non teñen auga potábel. É ben certo que os papeis aguantan todo; porque se os responsábeis do programa EDUSI de cidades sustentábeis coñeceran e baixaran á realidade do noso concello estamos seguros de que A Estrada non sería merecedor dun só euro.

Pero se proporcionar auga potábel aos veciños e veciñas debe ser unha prioridade para calquera goberno municipal, tamén o é termos saneamento no rural, porén o goberno municipal do PP non foi quen de proporcionar a ningunha parroquia o tratamento de augas residuais nos últimos catro anos, e polo que se ve tampouco vai ser unha prioridade nos vindeiros a pesar de ser unha demanda veciñal. Debe ser, que, como no caso das traídas de agua potábel, o alcalde aplica a mesma doutrina neoliberal: que cada quen se busque a vida.

Advertisements