Apostando por unha Estrada limpa a ecolóxica


2457055952_1de6ef6cdc_b

  • A compostaxe reduciría notabelmente a factura do lixo actual (432.000 € en 2015)
  • De cada 100 quilos de lixo orgánico que enviamos a SOGAMA poden obterse 20 ou 25 quilos de compost, un fertilizante natural para as nosas hortas

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, presentou hoxe en rolda de prensa unha moción para que o concello se acolla ao Plan Revitaliza Compost da Deputación de Pontevedra.

Se queremos que o noso concello sexa un concello do século XXI A Estrada ten que apostar por unha xestión de residuos sólidos do século XXI,limpo e ecolóxico, no canto de amorear e queimar lixo que é o que facemos agora mesmo enviándoo a SOGAMA.

Fronte a este modelo da administración autonómica, baseado na economía lineal, a Deputación de Pontevedra vén poñer en marcha un novo modelo de tratamento de residuos baseado na compostaxe (Plan Compost Revitaliza), que é máis económico e máis ecolóxico que os tratamentos actuais; un modelo que prima o peche do ciclo da materia orgánica, principio este da economía circular.

Todos os estudos indican que entre o 40 e o 50 % do lixo doméstico é materia orgánica (refugallos de comida e xardín) que, se non se separa e aproveita convenientemente, vai parar á incineradora de SOGAMA. Isto, ademais de xerar problemas coa emisión de gases, representa unha malversación de recursos públicos.

A parte húmida do lixo, separada axeitadamente, pode transformarse nun produto útil: un fertilizante natural para a terra chamado compost, que se pode reintroducir na contorna próxima, nos espazos públicos ou na horta da casa, pechando o ciclo da materia orgánica. Pode facerse compost na casa ou de xeito comunitario.

Está demostrado que de cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 20 ou 25 quilos de compost, que se poden utilizar nas hortas do rural e da vila. Pero cada quilo de lixo orgánico que non enviamos a SOGAMA supón un aforro considerábel para as arcas públicas municipais, xa que por exemplo, en 2015 pagamos a esta entidade da Xunta de Galiza 432.000 €. Coa compostaxe pode reducirse notabelmente esta factura, podendo adicar os recursos económicos que nos aforramos a outras necesidades do concello.

Pero ademais, o lixo que non enviamos a SOGAMA, é lixo que non queimamos nin amoreamos, o que supón un mellora importante na calidade de vida de todas as galegas e galegos, apostando por unha Galiza e unha Estrada limpas e ecolóxicas.

Advertisements