A administración dixital chega dez anos tarde


computadoraO PP gastou en 2006 120.000 € nun proxecto de administración dixital que nunca se puxo en marcha

A Estrada, 12 de novembro de 2016: Hai agora dez ano, en novembro de 2006, durante a alcaldía de Ramón Campos, a Fundación Cultural A Estrada adxudicaba á empresa Coremain por 119.446 € a posta en marca en oito meses da administración dixital, un dos proxectos estrela de A Estrada Dixital.

Desde aquela, e a pesar da insistencia reiterada do BNG, desde o concello nunca deron explicacións convincentes e claras sobre o destino dese proxecto que, evidentemente, nunca chegou a poñerse en marcha; e concellos como Silleda, que non recibiron a choiva de millóns de euros que recibiu A Estrada polo proxecto A Estrada Dixital, xa ten administración dixital desde hai anos.

O concello da Estrada anuncia agora a adhesión ao servizo de administración electrónica que ofrece a Deputación de Pontevedra, o mesmo, por certo, que ten Silleda e outros concellos da provincia. Porén, desde o BNG, seguimos a reclamar as mesmas explicacións reiteradas que demandamos a todos os alcaldes que pasaron polo concello desde 2006 até hoxe, porque os veciños e veciñas da Estrada teñen o dereito a coñecer en que e como se gastaron case 120.000 € nun paquete informático que nunca chegou a poñerse en marcha.

A explicacións, se é que o grupo de goberno do PP quere dalas, chegan tarde, pero máis tarde chega a administración dixital ao noso concello, que hai dez anos era o paradigma das cidades dixitais e a propaganda do PP encargábase de vender o noso concello como a vangarda das novas tecnoloxías. Sen embargo, hoxe pouco queda en pé de todo aquel proxecto, que a pesar dos centos de miles de euros foi incapaz de poñer en marcha a administración dixital.

Advertisements