O PP da Estrada pasa da seguranza vial


seguranzavialA Estrada quédase fóra do plan de seguranza vial da Deputación porque o goberno municipal nin sequera se molestou en pedir nada

O sectarismo do alcalde impide que A Estrada avance

O pasado venres a Deputación de Pontevedra deu a coñercer o Plan Móvese, que en colaboración cos concellos da provincia, implantará case 600 redutores de velocidade na estradas dependentes da institución provincial.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “una vez máis o concello da Estrada quédase fóra deste ambicioso plan da Deputación porque nin se molestaron en pedir estas medidas de seguranza”.

“Con este plan”, engadiu Magariños, “instalaranse nas estradas da deputación 337 pasos de peóns sobreelevados (PPS) –coñecidos como lombos de burro- e 260 redutores de velocidade para vehículos (RFVV) cun orzamento total de 3.866.380,92 euros, cunha finalidade, clara, que é a de baixar as velocidades dos vehículos, dando prioridade as persoas no canto dos coches.”

Magariños explicou que “un total de 43 concellos da provincia, de todas as cores políticas, acolleranse ao Plan Móvese da Deputación, e lamentamos que A Estrada fique fora deste Plan polo sectarismo do alcalde e do PP da nosa localidade.”

O concelleiro do BNG di non entender a razón de non presentarse a este Plan da Deputación “xa que nos consta que hai veciños e veciñas que queren medidas de seguranza nas súas parroquias para reducir a velocidade dos vehículos, mesmo en tramos nos que a velocidade está limitada a 50 km/h.” “E non só iso”, afirmou Magariños, “senón que hai acordos plenarios onde se piden medidas de seguranza en determinados viais, como pode ser Moreira, e resulta que o goberno municipal do PP pasa olimpicamente cando ten a oportunidade.”

“Só tiñan que pedir estas medidas de seguranza”, explicou o concelleiro nacionalista, “xa que nos consta que a Deputación aceptou todas as solicitudes dos 43 concellos que se acolleron ao Plan Móvese, e mentres tanto o noso alcalde perde o tempo facendo un escrache na institución provincial, deixando pasar unha nova oportunidade para atender as demandas dos veciños e veciñas da Estrada”.

Xosé Magariños insta ao alcalde a “abandonar o sectarismo no que está instalado e a aproveitar as oportunidades que lle brindan todas as administracións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da Estrada”. “Porque hoxe son as medidas de seguranza”, explicou Magariños, “pero no pleno deste xoves pode ser o plan de compostaxe o que centre o sectarismo do PP, tumbando a moción para construír unha Estrada máis ecolóxica.”

Advertisements