A Estrada ausente no Culturgal


culturgalUnha anécdota que é todo un síntoma da actitude sectaria do PP cara a Deputación de Pontevedra

Esta fin de semana, como nos últimos seis anos, desfilaron polo Culturgal na cidade de Pontevedra, miles de persoas para ver as últimas novidades da industria cultural galega. Un dos espazo centrais deste evento multidisciplinar estaba ocupado por un stand da Deputación de Pontevedra, que o puxo a disposición de todos os concellos da provincia para a divulgación turística e cultural.

Lamentabelmente temos que denunciar unha vez máis o sectarismo do concello da Estrada gobernado polo PP, xa que o apartado que nos correspondería estivo baleiro durante os tres días que durou o evento. Practicamente todos os concellos da provincia tiñan os seus folletos de publicidade turística, agás o da Estrada, que, a pesar de non ter custe para o concello, non enviou nada a un evento polo que pasaron miles de persoas de todo Galiza.

O goberno municipal do PP, e en concreto o alcalde, están inmersos nunha estratexia de terra queimada contra a Deputación, unha estratexia na que a principal prexudicada é A Estrada, son os veciños e veciñas da Estrada, e neste caso concreto é o sector turístico estradense que que ven como o seu concello desperdicia as oportunidades que lle brindan para promocionar A Estrada.

Que o noso concello non estea presente no stand do Culturgal da Deputación pode ser algo anecdótico, pero é o síntoma da actitude sectaria do PP da localidade que nos está privando de actuacións importantes e que transformarían A Estrada nun concello moderno como é a compostaxe e o plan de mobilidade, por citar dous exemplo rexeitados polo grupo de goberno municipal.

Instamos ao alcalde a cambiar de actitude para non prexudicar por máis tempo os intereses dos veciños e veciñas da Estrada; instámolo a ter unha actitude máis construtiva e dialogante coa institución provincial polo ben de todos e todas.