O BNG da Estrada propón o rescate e a posta en marcha do matadoiro municipal


cogargaA iniciativa vai máis alá de abrir un matadoiro, é unha iniciativa para relanzar o rural estradense

Ante a pasividade do goberno municipal do PP, o BNG da Estrada toma a iniciativa e rexistra unha moción para a posta en marcha do matadoiro municipal do concello.

Coa presentación desta iniciativa o BNG da Estrada pretende evitar a desaparición dun servizo necesario para os carniceiros da comarca, mais ao mesmo tempo, o cesamento dunha actividade industrial e a conseguinte perda de postos de traballo, do que precisamente non estamos sobrados no noso concello.

O goberno do PP non só non trata de restablecer o servizo, co conseguinte prexuízo para o sector agro-alimentar local, senón que nin é quen de velar polo patrimonio do concello controlando as instalacións e a maquinaria de propiedade municipal, que requiren labores de mantemento para evitar o seu deterioro.

Neste sentido, a moción insta ao goberno municipal a solicitar do Xulgado a devolución das instalacións do matadoiro, así como da maquinaria que sexa propiedade do concello, xa que os posíbeis embargos sobre Cocarga, a empresa que o xestionaba anteriormente, non poden afectar ás instalacións e maquinaria do Concello, pois esta empresa só era concesionaria dun servizo municipal, sobre o que perde dereito no momento de cesar nas prestacións, permitindo ao concello recuperar a concesión. Ademais o concello é acredor da empresa polas débedas que esta teña contraído polo non pagamento do canon municipal e, mesmo, polos prexuízos ocasionados polo cesamento da actividade sen telo comunicado ou renunciado á concesión, o que en consecuencia lle fai perder os dereitos sobra a mesma.

Posta en marcha

O BNG propón dúas opcións para a posta en marcha do matadoiro. A opción doada sería ao réxime de concesión nas mesmas condicións que antes. Mais outra opción máis ambiciosa sería a de facer un estudo de rendibilidade da explotación do Matadoiro que estableza, por unha banda, a estrutura mínima de funcionamento do matadoiro: espazo, maquinaria, persoal e custos. Analizar os ingresos en base a unha actividade cogarganormal de matanza para os carniceiros de A Estrada cunha tarifa competitiva. En consecuencia ver o déficit económico da explotación.

Unha marca propia

Tendo en conta que con esta opción non se cubrirían todos os custes, o BNG propón buscar unha actividade complementaría para o matadoiro que reporte os ingresos necesarios para cubrir o déficit, como pode ser a elaboración dun proxecto de explotación municipal ou mixto que, procurando a súa rendibilidade, sexa capaz de dar servizo aos carniceiros a un prezo asumíbel complementado cunha actividade propia que dea saída á produción de carne (vacún, porcino, cabalar, aviar,ovino) comarcal que integre a produción, elaboración e comercialización baixo unha marca que a identifique e sexa garante dun xeito de crianza e manutención tradicional ou de pastoreo ao aire libre, diferenciándose así do produto industrial.

Tamén se pode contemplar a instalación dunha sala de despece e un servizo de matanza a particulares que inclúa a recollida de animais, matanza, despece e servizo a domicilio.

Con esta moción, o BNG da Estrada vai máis alá de abrir simplemente o matadoiro municipal, xa que con esta iniciativa sería un dos alicerces onde se asentaría o despegue do rural, onde a actividade gandeira sería a clave.