Os verquidos da depuradora en Barbude están descontrolados


O BNG esixe a convocatoria urxente da comisión de medio ambiente para saber que está pasando coa EDAR de Aguións e saber que vai facer o goberno municipal para atallar o problema

barbudeO portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, esixe a convocatoria urxente e inmediata da comisión de medio ambiente para que o goberno do PP dea explicacións do sucedido cos verquidos da EDAR de Aguións en Barbude.

O concelleiro nacionalista explicou que “a situación está lonxe de solucionarse e o que é peor, que o verquido de augas fecais vai a máis, segundo nos explicaron os veciños e veciñas de Barbude”. “Está claro”, engadiu Magariños, “que o goberno municipal non fixo nada para arranxar os verquidos de augas fecais que van directos ao Liñares e ao Ulla, o que demostra a escasa sensibilidade ambiental que ten o PP, e o nulo respecto que ten aos veciños e veciños que teñen que sufrir os cheiros que desprende este verquido incontrolado”.

“No BNG pensamos que hai motivos máis que suficientes para que haxa unha convocatoria urxente e inmediata da comisión de medio ambiente”, explicou Magariños, “para que o goberno do PP dea explicacións do que está sucedendo coa EDAR e que medidas pensa tomar o goberno municipal para arranxar os verquidos de xeito inmediato”.

Advertisements