O BNG da Estrada presenta 45 propostas ao proxecto EDUSI


A proposta nacionalista aposta pola racionalización dos recursos para dinamizar económica e socialmente o noso concello

O BNG da Estrada presenta 45 propostas para “A Estrada Social e Sostíbel 2020”, enmarcada dentro do proxecto EDUSI financiado con fondos europeos, e que ten na participacion de entidades e organizacións un dos seus piares de definición do que será a Estrada 2020.

As propostas do BNG encamíñanse a facer un uso rigoroso dos recursos e aproveitar até o último euro os algo máis de catro millóns do proxecto, en propostas que dinamicen económica e socialmente o noso concello, deixando de lado propostas de curto percorrido, que ao cabo de poucos meses acaban sendo unha carga para as arcas municipais. De feito, A Estrada non é a primeira vez que recibe unha choiva de millóns de euros a través de proxectos como A Estrada Dixital, que estaba chamado a facer da Estrada un Silicon Valley galego, pero ao cabo de poucos anos pouco ou nada queda en pé.

Neste sentido as propostas do BNG van encamiñadas a aproveitar todos os nosos potenciais e recursos, -que os temos-, e poñelos a traballar para xerar en emprego na Estrada, que é a mellor política social que se pode facer, pero tamén para ter un concello sostíbel e ecolóxico, un concello do século XXI.

Una vila cómoda e habitábel
O BNG quere facer da vila da Estrada unha vila cómoda para as persoas, veciños e veciñas, que a visitan e veñen a comprar, e habitábel para as persoas que viven aquí. Neste sentido, o BNG propón crear aparcadoiros públicos gratuítos en superficie en distintos puntos da vila, fronte ao modelo que defende o PP, subterráneo e privado, para potenciar A Estrada como núcleo comercial.

A organización nacionalista tamén aposta por dispersar pola vila as zonas de lecer e esparcemento para evitar a concentración destas áreas nun único punto da vila, así como facer da Rúa da Cultura, onde se concentran a meirande parte das infraestruturas educativas, deportivas e de servizos, unha área habitábel onde as protagonista sexan as persoas, con melloras na iluminación, no tráfico de vehículos, así como sistemas de moderación do tráfico en toda a zona.

As propostas do BNG tamén contemplan unha mellora da Avenida Fernando Conde, coa posta en marcha dun Plan Integral de Desenvolvemento de toda a zona, que contemple ampliación e terminación das rúas transversais, con melloras na habitabilidade.

Un rural con vida
A pesar de ter unha vila importante, o concello da Estrada concentra a meirande parte da súa poboación no rural, onde a actividade agraria continúa a ter un peso importante, malia as dificultades que atravesa o sector nos últimos anos. Neste sentido o BNG aposta por crear canles de comercialización en circuíto curto, potenciando a praza de abastos, por recuperar os sistemas de regadío existentes, actualmente inutilizados, para que sirvan para afrontar as secas dos últimos veráns.

O BNG tamén ten entre as súas propostas a posta en marcha do matadoiro municipal, que non só sirva para proporcionar un servizo ao comercio da carne local, senón que contemple a comercialización de produtos cárnicos baixo unha marca que a identifique e sexa garante dun xeito de crianza e manutención tradicional ou de pastoreo ao aire libre.

Aproveitar o potencial turístico da Estrada
Outros dos puntos que abrangue a proposta do BNG para o EDUSI é o turismo. Máis alá do Pazo de Oca ou da Rapa das Bestas, puntos fortes do turismo na Estrada, o noso concello ten enormes potencialidades. Neste sentido os nacionalistas apostan por consolidar e a Torre e o Pazo de Guimarei, crear e actualizar a ruta do románico, como mellorar as praias fluviais existentes (Couso, Barcala e o areal de Berres), así como elaborar un Plan de Dinamización Turístico, contando coa participación do sector e no que as redes sociais terían un papel importante na divulgación da Estrada como destino turístico de calidade e próximo á capital de Galiza.

Unha Estrada máis ecolóxica
A posta en marcha de todas estas propostas requiren facer un uso racional dos recursos económicos do proxecto EDUSI. Neste sentido, e fronte a outras propostas, o BNG aposta pola adhesión do noso concello aos proxectos de compostaxe da Deputación de Pontevedra, que xa está en marcha, facendo unha campaña especial de sensibilización e de concienciación sobre a importancia da compostaxe e da recollida selectiva, que o BNG aposta por universalizar a recollida selectiva a todo o rural.

Descarga todas propostas do BNG para o proxecto EDUSI.