O BNG presenta 1.800.000 € en emendas aos orzamentos da Xunta de 2017


Un centro de día, a Cidade do Móbel e parcelaria de Souto centran as emendas do BNG que se debaterán a vindeira semana no Parlamento Galega

eurosO BNG da Estrada presentou 1.800.000 euros en emendas aos orzamentos da Xunta de 2017 que se debaterán a vindeira semana no Parlamento Galego.

Os nacionalistas centran as súas emendas na posta en marcha dun centro de día (200.000 €), na Cidade do Móbel (1.000.000 €), no inicio da concentración parcelaria da parroquia de Souto (600.000 €), así como en melloras na seguranza vial nas vías baixo competencia do Goberno galego.

Deste xeito, as emendas do BNG céntranse en melloras nos servizos sociais, coa posta en marcha dun centro día, que os nacionalistas consideran “imprescindíbel nun concello da nosa categoría e extensión, cuxos veciños e veciñas dependentes teñen que acudir a Cerdedo para recibir este tipo de asistencia, que debería ser un dos piares nos que se asenta o estado do benestar”.

A pesar de que desde 2009, desde a entrada do PP na Xunta de Galiza, “o proxecto da Cidade do Móbel dorme o soño dos xustos nos caixóns de San Caetano, mentres a alcaldía de José López non pon empeño algún en despertalo, o BNG da Estrada segue apostando polo polígono sectorial do móbel que sirva de revulsivo dun dos sectores claves da nosa economía local e sexa fonte de xeración de emprego na Estrada”.

O medio rural é outra das apostas dos nacionalistas da Estrada. Como demostraron hai uns días nas propostas para o proxecto EDUSI, o sector agrario segue a ser clave na Estrada de 2020, apostando por levar a concentración agraria a Souto, “a única parroquia do rural estradense que aínda queda sen concentrar”.

Por outra parte, o BNG critica que desde que o PP goberna na Xunta e no concello, A Estrada recibe cada vez menos investimentos por parte da Xunta, “supostamente un goberno amigo, pero cuxa amizade non se traduce en nada positivo para o noso concello, o que demostra o escaso peso político do alcalde no Partido Popular a nivel galego”.

Con todo, os nacionalistas agardan que “sexan atendidas estas emendas que defenderán as deputadas e deputados do BNG no Parlamento Galego, porque non se tratan de caprichos dos nacionalistas, senón demandas sociais importantes para o noso concello”.

Segundo indican desde o BNG, “a vindeira no Parlamento Galego poden pasar dúas cousas: que o PP pase o rodillo da súa maioría absoluta ou que se impregne do espírito de diálogo do que ultimamente presume o PP e atenda estas emendas”. No BNG agardan “a man tendida do PP sirva para traer máis investimentos para A Estrada”.

Advertisements