Aclaracións necesarias a respecto do plan contra incendios do concello da Estrada


Diante dos cruces de declaracións e afirmacións realizadas nos últimos días a respecto do plan contra incendios do concello da Estrada, o BNG fai as seguintes aclaracións necesarias:

  1. A ordenanza municipal para a Prevención e Defensa contra Incendios do concello da Estrada (pdf) aprobouse na sesión plenaria do 7 de abril de 2011 a proposta do grupo municipal do BNG, que daquela formaba parte do goberno municipal co Partido Socialista.
  2. Como toda ordenanza municipal, esta publicouse no BOP con data 1 de xuño de 2011, entrando en vigor 30 días despois.
  3. Polo tanto é falso o que afirma o tenente de alcalde, Juán Constenla, así como a concelleira de Móvete, Mar Blanco, de que A Estrada non ten unha ordenanza municipal de prevención e defensa contra incendios forestais porque disque esta non se publicou no BOP.
  4. A realidade, pois, é que A Estrada conta cun plan de prevención e defensa contra incendios, que se pode descargar na nosa web, pero non se aplica por descoñecemento e desidia do actual grupo de goberno do PP, descargando toda responsabilidade, coa axuda cómplice de Móvete, nun proceso burocrático que, como acabamos de demostrar, si se fixo, isto é, si se publicou no BOP.
  5. O grave é que un tenente alcalde, con responsabilidades en medio rural e medio ambiente, ignore as ordenanzas da súa competencia, o que o fai inmerecedor do salario que cobra por parte do concello pola súa irresponsabilidade e incompetencia.
  6. O triste é que a estas alturas do ano, no canto de estar falando de se está publicado ou non no BOP unha ordenanza municipal, o goberno municipal do PP debería estar aplicando o citado plan para evitar no verán incendios no noso concello e as situacións dramáticas que isto provoca.
  7. O BNG lembra que os lumes apáganse no inverno facendo prevención e fai un chamamento ao goberno municipal do PP para que aplique o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra incendios forestais aprobado.
  8. Por último, lembrar que o concello da Estrada ten pendente de adaptar na citada ordenanza as distancias das casas ás masas forestais consonte ao aprobado na Lei de Montes de Galiza de 2012, unha lei aprobada polo partido que detenta o goberno muncipal da Estrada. Esta adaptación é imprescindíbel para evitar que as masas forestais estean preto das vivendas evitando así desgrazas persoais e materiais.
Advertisements