O PP non ten proxectos para o EDUSI “A Estrada Social e Sostíbel 2020”


O BNG, que acaba de recibir todas as propostas que presentaron os partidos da oposición, vemos con certa sorpresa que o Partido Popular, que goberna o concello da Estrada, non presente ningún proxecto ao EDUSI, “A Estrada Social e Sostíbel 2020”, que xestionará preto de seis millóns de euros de fondos europeos.

Se é a participación social é un dos eixos vertebradores deste proxecto, é moi estraño que o partido do goberno non teña un proxecto para a Estrada de 2020, o que nos fai sospeitar que o PP xa camuflou as súas propostas dentro da proposta inicial presentada, aproveitando o formulario web aberto a todos os veciños e veciñas.

Se isto é así, ese comportamento só pode ser cualificado de covardía política por parte dun partido que non é quen de dar a cara e confrontar as propostas publicamente como facemos os demais partidos políticos, demostrando ademais que o PP non ten proxecto para A Estrada, ten unha serie de parches que vai improvisando segundo conveña, como por exemplo o das “marquesinas amigables”, algo completamente inútil que só servirá para dilapidar os cartos públicos.

O BNG, en cambio, si presentou o seu proxecto, a pesar do estreito marco de actuación que nos marca a Unión Europea; un marco urbanita que non se adapta ao noso concello, eminentemente rural e extenso, coas súas particularidades e especificidades. É dicir, que este proxecto que se di “Social e Sostíbel” non se fixo precisamente para dinamizar o agro e gandeiría, senón para poñer disparates como as “marquesinas ambigables”.

A pesar do traxe estreito con que nos quere vestir a Unión Europea co proxecto EDUSI, o BNG si ten un proxecto concreto para revitalizar o rural, no amplo sentido da palabra, pero sen esquecernos evidentemente da vila.

Por outra parte, o BNG ve con preocupación o desleixo do goberno municipal con respecto ao proxecto EDUSI. Se a principios deste mes de xaneiro había moita presa para que se presentaran os proxectos antes do 9 de xaneiro, a día de hoxe aínda non se convocou a comisión estratéxica para analizar os proxectos presentados.

Advertisements