O goberno municipal debe liderar as reclamacións dos afectados polo temporal perante as eléctricas


Instamos ao alcalde a poñer a disposición dos veciños e veciñas unha oficina para canalizar as reclamacións perante as empresas eléctricas

aribeira

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal do PP a que lidere as reclamacións dos afectados polo temporal diante das compañías eléctricas correspondentes, que viron como nos últimos días perdían electrodomésticos polas subidas de tensión ou perderon os alimentos dos frigoríficos ou dos conxeladores por non ter luz eléctrica. Isto supón un grave contratempo económico para moitos estradenses que terán que afrontar nos próximos días gastos cos que non contaban. Alguén ten que pagar por esta desfeita e desde o BNG non nos resignamos a que sexan os de sempre os que paguen o pato.

Instamos ao alcalde a que constitúa una oficina onde os veciños e veciñas poida efectuar as súas reclamacións ou a poña a disposición das compañías das eléctricas para que dean a cara perante os veciños e veciñas da Estrada, xa que estas grandes empresas, como Gas Natural Fenosa, son empresas sen rostro, sen oficinas na localidade, cuxa única relación que teñen cos seus clientes é a través do banco para cobrar puntualmente as súas facturas.

Como é moi probábel que o goberno municipal non faga nada ao respecto, desde o BNG da Estrada poñemos a disposición de todos os veciños e veciñas un modelo de reclamación que poden descargar desde a nosa páxina web para presentar perante as compañías ou oficinas de consumo.

Neste sentido, desde o BNG da Estrada criticamos tamén o servizo que prestan estas grandes empresas, cuxos clientes se ven impotentes, xa non a reclamar, senón ao simple feito de avisar dunha avaría. Foron moitos os veciños e veciñas que se toparon coas voces pre-gravadas destas empresas sen poder canalizar as avarías, ralentizando, polo tanto, a solución aos seus problemas de subministro, o que demostra que a política de recortes e de primar os beneficios por enriba do servizo, que tamén se dá nas empresas privadas, dá pésimos resultados, especialmente para que sofre as consecuencias.

O rural non é de segunda
Por outra parte, instamos ao goberno municipal do PP a que levante o teléfono e chame ás empresas eléctricas para que axilicen o arranxo dos cortes de luz nos lugares afectados, xa que aínda hoxe hai aldeas sen subministro eléctrico, como pode ser en Santo André de Vea, Ribela, Remesaar, Orazo, Riobó, Agar…

Desde o BNG entendemos que 48 sen luz son moitas horas para estar a dúas velas como están moitas casas do rural estradense, algo que non pasaría se o corte se producira na rúa Calvo Sotelo do casco urbano da Estrada, por poñer un exemplo. O rural estradense, onde viva a maior parte dos veciños e veciñas do concello da Estrada, non é de segunda e merece a mesma atención por parte do goberno municipal do PP como o centro da vila da Estrada.