O BNG presenta unha moción para que o concello asesore e apoie á veciñanza afectada polo temporal


As últimas declaracións do alcalde denotan unha falta de sensibilidade impropia de quen é o máximo representante de todos os veciños e veciñas

As declaracións do alcalde no día de onte e que recollen diversos medios de comunicación da localidade denotan unha falta de sensibilidade impropia de quen é o máximo representante de todos os veciños e veciñas. Insistimos na necesidade de que sexa o concello o quen lidere as reclamacións perante as empresas eléctricas, xa que estamos a falar de empresas que non teñen oficina na localidade, que non teñen un rostro visíbel e recoñecíbel, e que na maioría dos casos as reclamacións hai que canalizalas a través dun teléfono ou a través de internet, feito que entraña non poucas dificultades a moitos veciños e veciñas da Estrada.

Neste sentido, o BNG da Estrada presentará unha moción para que sexa o concello quen preste apoio e asesoramento á veciñanza afectada a través dos servizos municipais, a fin de axudar na presentación de reclamacións ou solicitudes de axudas, así como efectuar o seguimento na súa tramitación, para compensar os danos e perdas sufridos con ocasión do temporal.

Por outra parte, na mesma moción queremos implicar ao Goberno Galego para que aprobe axudas para os concellos, fogares e empresas que sufriron perdas como consecuencia dos temporais, así como exixir responsabilidades e estabelecer medidas sancionadoras ás empresas titulares das infraestruturas polo mal estado das mesmas e ás prestadoras de servizos de subministro eléctrico polo tardío e deficiente operativo de resposta para minimizar os efectos dos cortes do servizo.

Tamén con esta moción que presentará o BNG, queremos obrigar ás empresas subministradoras de enerxía a efectuar unha auditoría da situación das liñas eléctricas en Galiza, e por suposto no noso concello, xa que deron sobradas mostras de non estar á altura do século XXI. De feito é vox pópuli entre as persoas de máis idade que, a pesar de vivir moitos temporais, non acordan estar tantos días sen luz nas súas casas, o que demostra que pésimo estado e calidade dun tendido impropio dun país produtor de enerxía eléctrica como o é Galiza. Neste sentido, a moción do BNG tamén insta ás empresas investimentos precisos de forma continuada que garantan unha axeitada conservación da infraestrutura eléctrica.

NON TODOS ESTAMOS DE VACACIÓNS
Desde o BNG queremos recordarlle ao alcalde que el é quen goberna o noso concello, tendo a súa disposición unha equipa de 11 concelleiros e concelleiras, que supoñemos serán da súa máxima confianza, e algúns cobrando do concello, para atender situacións de emerxencia como as vividas nestes últimos días. Polo tanto, non todos temos as mesmas responsabilidades, pero no BNG tampouco estamos descansando ou de vacacións como fan outros, e si colaborando dentro das nosas posibilidades e responsabilidades. O que si temos claro é que non está dentro das nosas atribucións mobilizar as brigadas municipais, protección civil ou a policía local, para atender as peticións veciñais, iso é responsabilidade do goberno e en concreto do alcalde.

FAI O BEN E NON MIRES A QUEN
Xa para rematar, acollemos con certa sorpresa que o alcalde se atreva sequera a afirmar que atenderon problemas en todos viais independentemente da titularidade da infraestrutura. Facer o contario nunha situación de emerxencia como a vivida no concello da Estrada, isto é, mirar de quen é unha estrada para actuar ou non, sería delitivo, inhumano e agora mesmo estaríamos pedindo a dimisión de todo o grupo de goberno. Afortunadamente nas brigadas municipais, en protección civil e na policía local hai espírito de servizo público, fan o ben sen mirar a quen, cousa que non se desprende do goberno municipal, logo de ler as declaracións do alcalde da Estrada.

Advertisements