O PP vén prorrogando desde 2012 o contrato da EDAR, vulnerando a Lei de Contratos do Sector Público


Desde o BNG instamos ao goberno municipal a rematar con esta ilegalidade municipalizando o servizo de mantemento do saneamento da Estrada

A Xunta de Goberno Local de 20 de novembro de 2006, sendo alcalde Ramón Campos Durán, adxudicou á empresa Aquagest SA (hoxe Viaqua) o servizo de mantemento da estación depuradora de augas residuais urbananas, así como o das estacións de bombeo de Figueiroa, Matalobos, Guimarei e Lagartóns. O importe da licitación foi de 359.911,60 € por dous anos. O contrato asinouse en decembro de 2006 por dous anos, prorrogábeis até un máximo de catro.

Así pois, a día de hoxe o contrato de mantemento da EDAR e das estacións de bombeo está fóra de toda legalidade, xa que o Real Decreto Lexislativo 3/2011, Lei de Contratos do Sector Público, impide prorrogar contratos públicos indefinidamente, tal e como vén facendo o PP desde 2012 até a actualidade, data na que expirou o contrato de mantemento coa empresa Viaqua, definido expresamente nos pregos de licitación.

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal a rematar con esta ilegalidade e a municipalizar este servizo público que ten un custe anual para o concello de 180.000 euros ao ano. Por outra parte, o PP tamén terá que dar explicacións aos veciños e veciñas da Estrada por este tempo extra de contrato con que obsequiou á empresa Viaqua, saltándose a legalidade vixente; de non facelo de xeito convincente levaríanos a pensar que aquí hai gato encerrado, con consecuencias graves para o noso concello.

Como xa anunciamos días atrás, a nosa organización presentará unha moción para instar ao goberno a municipalizar o servizo de mantemento da EDAR e das estacións de bombeo, non sen antes analizar a voluminosa documentación dos pregos de licitación (técnico e administrativo) que recibimos esta semana.

Desde o noso punto de vista, a privatización dos servizos públicos, como é este da EDAR, implica diminuír a calidade do servizo, como estamos vendo, reducindo o emprego de calidade. A empresa privada en xeral pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta de rebaixar a calidade do servizo con redución do persoal, baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras. Non hai mellor proposta para defender o público fronte ao privado que ampliar a xestión directa dos servizos e non recorrer a entidades con menos garantías para prestar o servizo e con traballadores/as que teñen os seus dereitos laborais reducidos.

Advertisements