O Museo Reimóndez Portela ten que abrir ao público


A través dunha moción instamos ao goberno municipal a poñer en funcionamento o museo municipal

Museo Reimóndez PortelaA definición que tradicionalmente se lle outorga aos museos é a de aqueles lugares cuxa finalidade é a de conservar, investigar e expoñer os obxectos ou documentos representativos dunha sociedade concreta. Sen embargo na actualidade, dita finalidade non se reduce simplemente a expoñer obxectos de xeito incoherente, senón a convertelos nunha ferramenta para a formación e o coñecemento dos seus visitantes. Os museos son, polo tanto, os representantes físicos da nosa cultura e do noso patrimonio, aqueles lugares no que nos reflectimos como sociedade e como pobo, axudándonos a coñecer o noso pasado e os nosos costumes, e creando, deste xeito, un sentimento de pertenza que nos leva a asumir a nosa propia identidade.

É por iso que nunha sociedade avanzada, os edificios museísticos son indispensables no entramado de calquera vila, mais, e tal e como di o propio Consello Internacional de Museos da UNESCO, para que as súas funcións se cumpran, debe ser accesíbel ao público.

No caso do Museo Reimóndez Portela, esta última premisa non se cumpre. Hai xa anos que o museo non está aberto ao público e cun horario estábel para que todos os estradenses e quenes o queiran ver poidan acceder a el coa liberdade de poder visitalo sen estar suxeitos á traba que supón ter que realizar unha chamada telefónica para que se lle abran as portas do que é chamado Museo do Pobo Estradense.

O bo funcionamento dun museo non se pode reducir a unhas obras de mellora. É algo obviamente preciso, mais insuficiente. Xa que o obxectivo é o desfrute do público, queda claro que un museo pechado convértese nun museo inútil pola súa propia natureza. Non debemos permitir que o edificio que salvagarda a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa memoria, fique como un edificio de mínimos, co único obxectivo de permitir que o goberno local xustifique a súa falta de interese no noso desenvolvemento cultural, escusándose en que temos un museo, aínda que o consideren de facto como unha carcasa baleira de contido.

Neste sentido, no BNG da Estrada presentamos unha moción para instar ao goberno municipal a abrir ao público de xeito permanente o Museo Reimóndez Portela, cun horario estábel, fixando días concretos de xornadas de portas abertas. Esta moción tamén contempla a contratación dunha persoa con titulación axeitada para atendelo de xeito estábel e permanente.

Esta moción tamén crea a figura de “Amigos do Museo” na procura de financiamento e da cesión de pezas que completen e enriquezan o Museo Reimóndez Portela.

Advertisements