O rural da Estrada non é de segunda, tamén quere fibra óptica


fibra-opticaInstamos ao goberno municipal a traballar para evitar a fenda dixital entres os veciños e veciñas da vila e os do rural estradense

O despregue de fibra óptica na vila e no polígono de Toedo, a aparte de ser unha boa nova para os veciños e veciñas, así como empresas, que poidan desfrutar deste servizo, deixará á metade da Estrada fóra desta cobertura de alta capacidade. Iso é o que se reflicte da noticia que recollen hoxe diversos medios de comunicación local.

Desde o BNG instamos ao goberno municipal a traballar para que ese despregue de fibra óptica tamén se faga no rural, porque o rural existe e nel no só viven veciños e veciñas que pagan impostos e que teñen os mesmos dereitos e necesidades que os que viven na vila, tamén hai empresas, grandes e pequenas, que necesitan unha internet de calidade e de boas prestacións, imprescindíbel hoxe en día para o desenvolvemento do seu traballo e para todo tipo de trámites burocráticos e comerciais, e máis no contexto da industria 4.0.

Sabemos das dificultades que entraña despregar a rede de fibra óptica nun concello extenso e eminentemente rural, que conta con máis da metade dos seus veciños e veciñas asentados neste medio, pero as operadoras de telefonía reciben importantes subvencións públicas anunciadas reiteradamente polo presidente de Xunta para o despregamento da banda ampla na Galiza, e sería unha grave discriminación deixar a máis da metade dos veciños e veciñas da Estrada fóra desta cobertura.

O rural non é de segunda. Sabemos do escaso interese do PP polo rural, as políticas, non só concello, senón da Xunta, así o demostran. Desde o BNG non é a primeira vez que facemos propostas para revitalizar o noso rural, atendendo as demandas dos sectores produtivos. Se queremos un rural con futuro, a fibra óptica é tan necesaria como a luz eléctrica, e a ninguén se lle ocorrería hoxe en día deixar á metade da poboación sen luz.

Neste sentido, desde o BNG anunciamos que nos próximos días presentaremos unha moción para instar ás empresas a despregar a fibra óptica no rural do noso concello ou, cando menos, a garantir un acceso a internet nas mesmas condicións que desfrutarán os veciños e veciñas das Estrada e evitar asía fenda dixital entre os veciños que viven na vila e os que viven no rural.

Advertisements