O BNG rexistra unha moción para municipalizar o mantemento completo do ciclo da auga


edar-aguionsA municipalización do ciclo da auga abrangue desde o subministro até o saneamento, este último en mans privadas desde 2006

Con esta moción o BNG busca un compromiso do goberno municipal para dotar de saneamento a todo o rural

Os seres humanos necesitamos auga para vivir, pero tamén é un elemento esencial par o desenvolvemento de moitas empresas e negocios. É importante facer un uso intelixente e sostíbel deste prezado recurso que nos prové a natureza, devolvéndollo nas mesmas condicións de salubridade en que o recollemos. Isto é o que se vén en chamar, ciclo da agua.

En primeiro lugar temos que asegurar que a auga empregada para o consumo humano estea en perfectas condicións, pero tamén que os veciños e veciñas dispoñan deste recurso sen interrupcións e nas mellores condicións, cousa que non se cumpre na Estrada, afectada desde hai meses de cortes periódicos no seu subministro.

E en segundo lugar, as augas despois de ser utilizadas polos veciños e veciñas, así como polas empresas e negocios, ten que volver ao medio acuático, logo de sufrir un proceso de depuración que garanta unhas condicións óptimas que non alteren o ciclo natural da auga, cousa que tampouco se dá no noso concello, cuxa estación depuradora de augas residuais (EDAR), que só cobre o saneamento da vila e dunha pequena parte do noso extenso rural, verte habitualmente auga contaminada ao Liñares e desde aquí ao Ulla, deixando o resto do rural do noso concello nun limbo onde non existe saneamento de ningún tipo.

Tanto o servizo da traída de auga como o saneamento son, pois, servizos esenciais en calquera sociedade, cuxo desempeño non pode verse alterado en ningún momento, xa que isto afecta á saúde e á vida das persoas.

A Estrada conta cunha Estación Depuradora de Augas Residuais desde o ano 2006 que dá servizo á vila e ás estacións de bombeo de Figueiroa, Matalobos, Guimarei e Lagartóns. O servizo de mantemento da EDAR, así como das estacións de bombeo, adxudicouse tamén no mesmo ano á empresa Aquagest, agora Viaqua, por 359.911,60 € por dous anos, cuxa duración do contrato estaba prevista para dous anos prorrogábeis por outros catro, período legal xa amplamente superado.

A misión desta nova EDAR tiña que ser a de mellorar o funcionamento defectuoso das anteriores; é dicir, depurar as augas residuais de xeito que se reducira a contaminación e devolvelas aos ríos en condicións de calidade óptimas para garantir o bo estado dos ecosistemas fluviais e permitir a súa reutilización. Para garantir esta calidade da auga depurada é preciso que todas as etapas do proceso do tratamento da auga funcione de xeito correcto, deste o tamizado até descarga do efluente tratado no cauce do río; pero á vista do que acontece coa auga que se verte ao Liñares isto non acontece na EDAR de Aguións, polo que temos que falar dun funcionamento ineficaz desta infraestrutura dada a pésima calidade da auga que dela sae, como se ten demostrado reiteradamente.

Pero os custos do mantemento da EDAR e das estacións de bombeo supoñen unha carga importante para as arcas municipais, que en contrapartida non levan asociada unha mellora na calidade das augas que se verten ao Liñares coa conseguinte perda da calidade medioambiental do ecosistema e da posibilidade de desfrutar todos os veciños e veciñas dun entorno saudábel; ademais temos que engadir que ao estar privatizado o servizo de mantemento da EDAR atopámonos ante unha perda do control público do ciclo da auga, que, como vimos, é esencial para a saúde de todos e todas.

Como estamos vendo na Estrada, a privatización dos servizos públicos implica diminuír a calidade do servizo, pero tamén reducindo o emprego de calidade. A empresa privada en xeral pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta de rebaixar a calidade do servizo con redución do persoal, baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras.

Neste sentido o BNG propón na moción os seguintes acordos ao pleno da corporación municipal:

  • Elaboración dun plan de saneamento integral da totalidade do concello, estudando os sistemas de depuración dispoñíbeis máis eficientes e de menor custe para as condicións do noso concello.
  • Facer un estudo de custes do mantemento do ciclo da auga (subministro e saneamento), cuxa conclusión ten que estar rematada en seis meses.
  • Estabelecer unha calendario realista para dotar a todo os núcleos do rural do servizo de saneamento.
  • Asunción por parte do Concello do mantemento da Depuradora de Augas Residuais de Aguións (EDAR), así como dos bombeos de Figueiroa, Matalobos, Guimarei e Lagartóns.
  • Creación dunha brigada do ciclo da auga, incluíndo o actual persoal do servizo da auga e sumidoiros do concello, que asuman as labores de mantemento e control de todo o ciclo.