A web do concello da Estrada non sirve para utilizar dispositivos móbiles, está obsoleta


captura-webMáis do 60% do tráfico web faise a través de móbiles e tabletas

O BNG insta ao goberno municipal a actualizar a web e a mellorar a sección de transparencia, cuxa información é escasa e desactualizada

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal do PP a que tome as medidas oportunas para actualizar a web do concello, obsoleta e anticuada que non permite a correcta navegación por ela utilizando os dispositivos móbiles (tablets e teléfonos, principalmente).

Diversos estudos consultados polo BNG, así como as estatísticas doutras webs ás que temos acceso, indican que hoxe en día máis do 60% do tráfico web faise a través de dispositivos móbiles, e a web do concello da Estrada non está adaptada para este tipo de aparatos, cuxa navegación a través das distintas seccións é un auténtico suplicio para o veciño e veciña que a consulte utilizando un móbil por exemplo.

É incomprensíbel que un concello que recibiu máis de catro millóns de euros para o proxecto A Estrada Dixital, que debía poñer ao concello na vangarda no uso das novas tecnoloxías, sexa exemplo de todo o contrario por obsoleto e chapuceiro, que aínda hoxe non foi quen de poñer a andar a administración dixital.

Un concello pouco transparente

Pero outros dos aspectos negativos da web do concello da Estrada é a escasa, desactualizada e desordenada información que ofrece na sección do “Perfil do contratante”.

Queremos recordarlle ao goberno municipal que está obrigado por lei a publicitar os contratos públicos, as subvención e axudas, os convenios, etc, así como as retribucións dos cargos con dedicación exclusiva, unha información que actualmente o concello da Estrada non proporciona. Parece que o PP ten pouco interese en contarlle aos veciños e veciñas como gasta os cartos públicos que recada e xestiona.