A Estrada paralizada pola ausencia de orzamentos de 2017


Non se entende que un goberno con maioría absoluta non teña a estas alturas enriba da mesa unha proposta orzamentos para este ano

No BNG da Estrada vemos con preocupación que o goberno municipal do PP aínda non teña unha proposta de orzamentos para 2017, cando xa van a la dous meses e medio que deu comezo o ano.

Os orzamentos non son unha cuestión menor, xa que permite ao goberno acometer investimentos e gastos que doutro xeito non pode facer. Investimentos, en moitos casos, comprometidos cos veciños e veciñas, pero ao non telos aprobados tampouco se poden executar.

Desde o noso punto de vista é certamente curioso que un goberno con maioría absoluta non teña a estas alturas unha proposta enriba da mesa. É lóxico que un goberno en minoría como hai moitos no noso país teña que negociar coa oposición para aprobar os orzamentos, pero non se entende que con once concelleiros e concelleiras o goberno do PP da Estrada aínda non os teña aprobados.

Esta situación singular que se dá no concello da Estrada só se entende pola incompetencia e irresponsabilidade, en primeiro lugar do Alcalde, pero tamén do seu concelleiro de facenda, Alberto Blanco, incapaces, ambos, de poñer enriba da mesa uns orzamentos, o que demostra que non se entenden entre eles nin entre o grupo de goberno.

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal a poñerse as pilas. A Estrada non pode estar paralizada pola incompetencia e irresponsabilidade dos concelleiros e concelleiras de goberno. Instamos ao Alcalde a exercer a súa responsabilidade e se ten que cambiar de concelleiro de facenda que o faga, pero A Estrada necesita uns orzamentos.

No BNG agardamos que nos vindeiros días o grupo de goberno sexa quen de poñerse de acordo entre eles e achegar unha proposta para que os partidos da oposición poidamos facer achegas e suxestións como sempre facemos, dese logo desde a parte que nos toca.

Advertisements