Desde o BNG instamos ao goberno municipal a mellorar o aspecto da ponte de Pontevea e a súa contorna


pontevea2A falta de iniciativa do goberno do PP contratas coa preocupación dos veciños e veciñas da zona que están asumindo tarefas de limpeza que tería que facer o concello

A poucas semanas ou meses da declaración BIC de Pontevea, unha iniciativa impulsada polo BNG da Estrada e de Teo no Parlamento Galego, así como en ambos concellos mediante unha moción que se aprobou por unanimidade, instamos ao goberno municipal do noso concello a tomar a iniciativa para devolver o esplendor que debe ter un monumento destas características.

Neste sentido, e ante a previsíbel falta de interese por parte do goberno do PP da Estrada ante un comunicado público como este, anunciamos que no vindeiro pleno ordinario instaremos ao goberno municipal a instalar iluminación, papeleiras e a acondicionar a zona para acoller un aparcadoiro público para todas as persoas interesadas en visitar a ponte medieval.

pontevea1Por outra parte, temos que lamentar unha vez máis a falta de interese do goberno municipal a respecto do noso patrimonio. Un concello que contará nas vindeiras datas con dous monumentos declarados Ben de Interese Cultural (BIC) merece un goberno preocupado e sensibilizado co noso patrimonio. Sen embargo desde o BNG poñeremos todo o noso empeño, como sempre fixemos, para que tanto esta ponte medieval como a Torre de Guimarei non queden eclipsadas polas silveiras e teñan o realce que se merecen.

Esta falta de iniciativa e de responsabilidade do goberno do PP polo noso patrimonio contrasta coa preocupación, non só do BNG, senón tamén dos veciños e veciñas da zona, que ante a inoperancia do concello, están facendo labores de limpeza da praia fluvial, que lle correspondería ao goberno municipal. Esta iniciativa veciñal demostra que hai interese en devolverlle á zona o esplendor que tivo non hai moitos anos, onde se refrescaban moitos veciños e veciñas da Estrada e de Teo e mesmo doutras latitudes da xeografía galega, ao tempo que desfrutaban deste monumento histórico.

Advertisements