O BNG insta ao goberno municipal a convocar fóra do horario laboral a reunión estratéxica do EDUSI


Se o AESS 2020 ten que ser froito da participación dos axentes sociais e políticos, convocar unha reunión en horario laboral non é a mellor maneira de alcanzar ese obxectivo

Este venres 7 de abril pola mañá hai convocada unha reunión da Comisión Estratéxica de AESS 2020, a EDUSI da Estrada, á que están convocados os representantes dos partidos, así como goberno municipal e cargos de distintas consellarías.

Se un dos eixos vertebradores do EDUSI é participación social, a implicación dos distintos axentes sociais no desenvolvemento dunha Estrada sustentábel e moderna, non se entende que a reunión da citada comisión estea convocada en pleno horario laboral (as 10 da mañá), que, desde o punto de vista do BNG da Estrada, non facilita nin invita á participación dos axentes sociais e políticos.

Se o que busca o goberno municipal é non atopar voces críticas no seo da comisión para levar adiante as propostas que meteu pola porta de atrás, efectivamente, non facilitar a participación é o mellor xeito de asegurarse o éxito da convocatoria, pero o EDUSI da Estrada non será froito da implicación do sectores sociais, será responsabilidade do goberno municipal, para o bo e para o malo.

Neste sentido, o BNG da Estrada fai un chamamento ao goberno municipal para que rectifique e convoque a reunión da Comisión Estratéxica da AESS 2020 fóra do horario laboral para garantir a participación de todos e todas.

Por outra parte, desde o BNG queremos denunciar o escurantismo con que se está levando adiante este proxecto do EDSUI. Cómpre subliñar que a principio de xaneiro ínstase aos partidos políticos a presentar con urxencia as súas propostas, e o BNG foi o primeiro en facelo, xa que temos claro que A Estrada queremos, non así o PP, que non se sabe moi ben o que quere. Máis desde aquela até hoxe non houbo outra reunión para avaliar dos distintos proxectos, o que demostra que o PP o que realmente quere é utilizar politicamente unha suposta a participación e implicación dos axentes sociais e políticos para adornar o EDUSI diante das autoridades europeas.

Advertisements