O BNG solicita ao Goberno municipal a posta en marcha de cursos de formación en tecnoloxías dixitais


importancia-de-la-formacion-digitalA fenda dixital non só está na insfraestrutura ou no prezo, tamén está na formación e o concello debe poñer os medios para romper esa barreira que afecta a non poucos veciños e veciñas

Desde o BNG da Estrada consideramos unha boa nova a posta en marcha da administración electrónica no concello, mais lamentamos, como xa denunciamos en reiteradas ocasións, que chegue con dez anos de retraso, e despois de dilapidar 120 mil euros do erario público nunha plataforma que nunca se chegou a poñer en marcha, cuestión esta nunca aclarada polo goberno do Partido Popular.

Con todo, instamos ao goberno municipal a poñer en marcha cursos de alfabetización dixital semellantes aos impartidos durante a execución do proxecto A Estrada Dixital, cursos dun incuestionábel éxito de asistencia e utilidade para os veciños e veciñas que participaron naquel entón.

Desde o BNG da Estrada consideramos que a posta en marcha da administración dixital é unha boa oportunidade para retomar estes cursos que aclararán dúbidas e temores sobre o funcionamento das tecnoloxías dixital en xeral, así como da administración electrónica en particular. A fenda dixital non só está nas infraestruturas que utilizamos para conectarnos a internet ou no prezo que pagamos por usalas, tamén está na formación. Hai que ter en conta que hai toda unha xeración de veciños e veciñas que non naceron coas tecnoloxías dixitais e iso supón un problema que as administracións públicas deben atender. Hai moitas persoas que utilizarían estas tecnoloxías de ter acceso á axuda que neste caso proporcionaría o concello, o que redundaría en beneficio de todos en todas.

Por outra parte, estes cursos non só deberían formar no uso das tecnoloxías dixitais, senón que deberían ter un apartado específico, e non menos importante, para advertir dos perigos do mundo dixital, que os hai, como poden ser as estafas e o ciberacoso, que poden ter fatais consecuencias tamén entre a xente máis nova.

Navegar en galego e libre
Xa por último non queremos esquecernos da nosa lingua, que tamén ten que estar presente na formación dixital dos veciños e veciñas. Como xa subliñamos noutras ocasións, formar nas tecnoloxías dixitais en galego non só é posíbel, senón necesario para a divulgación do noso idioma. E non nos estamos referindo a que as persoas que impartan os cursos falen galego, que tamén, senón a que as ferramentas que se utilicen estean no noso idioma, feito que é posíbel grazas á comunidade de voluntarios e voluntarias que traducen ao galego distintas ferramentas dixitais, como poden ser sistemas operativos, navegadores, etc.

E xa por último, destacar tamén que é importante que as ferramentas dixitais libres teñan tamén cabida nestes cursos de formación, non só porque están traducidas ao galego, cousa que non se pode dicir dos sistemas privativos (Windows e Mac, principalmente), senón porque ademais de ser igualmente funcionais, son máis asequíbeis para todos e todas.