O BNG da Estrada cas traballadoras e traballadores do 112


17834151_925284794281232_1933663740484566240_oO BNG da Estrada quere trasladar toda a súa solidariedade e apoio ás traballadoras e traballadores do 112 que iniciarán unha folga indefinida a partir do sábado 15 de abril.

As traballadoras e traballadores levan meses mobilizándose para denunciar as consecuencias que terá o traslado do 112 de Santiago de Compostela ao noso concello. Porén, nin as súas denuncias, nin as súas demandas foron escoitadas, o que demostra a falta de responsabilidade e de sensibilidade dos responsábeis políticos da Xunta para con este colectivo, que desenvolve unha importante tarefa para todas e todos os galegos.

Neste sentido queremos tamén subliñar o nulo papel do alcalde da Estrada, que se ofreceu a mediar diante dos seus compañeiros do PP, pero que a día de hoxe non fixo nada por un colectivo que terá o seu centro de traballo no noso concello, o que demostra unha vez máis que é un falabarato e un peso pluma dentro do seu partido.

Para o persoal do 112 é especialmente grave o silencio tanto da administración, como da empresa, no relativo aos custos dun traslado que vai afectar a 300 familias e que vai provocar unha diminución dos seus ingresos, segundo os seus cálculos, dun 14%, en salarios que están en arredor dos 1.000 euros.

Isto terá unha perda directa dos ingresos das traballadores e traballadoras, porque ademais do aumento do custe da vida e de manterse os seus salarios conxelados desde hai 6 anos, que agora terán que restar, na maioría dos casos, os gastos en combustíbeis para ir e vir todos os días ao seus postos de traballo.