Menos cartos para procesións e máis para colexios públicos e sectores económicos en crise


procesion-2016

Procesión de 2016. Imaxe aestradanarede.es

Desde o BNG da Estrada censuramos o reparto arbitrario, sen rigor e sen criterio, das subvencións do concello para 2017, que outorga 10.000 € para procesións relixiosas, fronte aos 3.352 € que reciben os colexios públicos, os 3.000 que recibe Mar de Compostela ou os que reciben as cooperativas agrarias do concello

Para o BNG da Estrada a listaxe de subvencións nominalistas integradas dentro do proxecto de orzamentos de 2017 que preparou o grupo de goberno da Estrada están feitas de xeito arbitrario, sen rigor e co único criterio de beneficiar a determinados colectivos vinculados ao PP.

Só así se entende por exemplo, que o PP outorgue 10.000 euros do erario público á Confraría da Santa Cruz, é dicir, á igrexa católica, que organiza unha evento ao longo de todo o ano, cuxo retorno social e económico é nulo.

Máis cartos para procesións que para colexios públicos
En contraste con este dispendio, cómpre destacar que os colexios e institutos públicos do concello só reciben 3.352 € de subvención, importe total que se reparten entre os seis colexios e tres institutos en cantidades que oscilan entre os 168 € do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda até os 1.200 € do IES Nº 1.

Máis cartos para procesións que para sectores económicos en crise
Tamén compre destacar o importe da subvención que reciben entidades que traballan en sectores económicos en crise, como poden ser o sector primario (COASTRA, Gandeiros Estradenses e Monte Cabalar) ou ACOE, en comparación co que recibe a citada cofradía relixiosa. Neste caso, e aínda que a diferenza é positiva para as entidades socio-económicas, a diferenza é tan escasa (14.000 € no caso das cooperativas agrarias, 15.000 € no caso de ACOE), que demostra cales son as prioridades do goberno municipal do PP, que desde logo non pasan por primar os sector agro-gandeiro e a educación pública.

O turismo é outra das actividades que tamén se verá prexudicada no reparto de subvencións do PP da Estrada. Así, Mar de Compostela, a asociación que aglutina a todas as casas de turismo rural do noso concello, só recibirá do goberno do PP un total de 3.000 € para as súas actividades de promoción.

Máis cartos para procesións que para axuda social
Na listaxe de subvencións do PP non deixa de ser curiosa tamén a diferenza que existe entre a citada entidade que organiza as procesións de semana santa coas que reciben outras entidades como poden ser a Cruz Vermella (1.000 €) ou outras vinculadas á igrexa católica como é Cáritas, que recibirá un total de 4.500 €, fronte aos 10.000 € para a Confraría da Santa Cruz.

Desde o BNG da Estrada xa temos manifestado que para nós a axuda social ás persoas máis necesitadas sempre ten que partir das entidades públicas, sexan estas os concellos ou a Xunta de Galiza. Sen embargo, ante a falta de implicación dos gobernos do PP, é un feito que Cáritas atende as necesidades dun número moi importante de persoas en situación de risco social e económico, -tamén no noso concello-, por iso que non deixa de ser sintomático que o PP da Estrada dea máis cartos para procesións que para as entidades que traballan os 365 días do ano, e cuxo retorno social é incuestionábel.

A Estrada non vive de procesións
Xa dicía Karl Marx, “a relixión é o opio do pobo“, e iso exactamente é o que pensa o goberno municipal presidido por José López Campos. Fronte ao esmorecemento da nosa economía e de sectores estratéxicos importantes para o noso concello como é a agricultura, a gandeiría o moble, o comercio… a solución para o PP pasa por incentivar as procesións relixiosas, que, como dixemos anteriormente, teñen nulo retorno económico e social.

Instamos ao goberno municipal do PP a rectificar as subvencións nominalistas e a publicar unha nova listaxe (pode verse íntegra na nosa web), que atenda as necesidades reais dos veciños e veciñas da Estrada, apostando polos sectores produtivos e económicos, único xeito de crear emprego e benestar para todas e todos.

Descargar a proposta de subvencións do goberno municipal (pdf).