O goberno municipal non pode deixar sen fibra óptica a case o 60% dos veciños e veciñas da Estrada


Ter fibra óptica no rural da Estrada é cuestión de vontade política

O Goberno municipal do PP terá que empregarse a fondo para impedir que a fenda dixital no concello da Estrada non sexa aínda máis grande entre os veciños e veciñas da vila e os do rural, logo do anuncio feito hai unhas semanas polo propio alcalde no que daba conta do despregamento da fibra óptica no casco urbano e no polígono industrial de Toedo.

Tal e como anunciamos, o BNG da Estrada rexistrou unha moción que insta ao goberno municipal a moverse, a facer as xestións que estime oportuno, para que o rural non fique á marxe da banda ampla de internet, discriminando así a case o 60% das veciños e veciñas da Estrada.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba en outubro de 2015 o Plan de Banda Larga de Galicia 2020”, para que “os galegos teñan acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións”, abarcando a “práctica totalidade da poboación galega (96%)”.

Se o anuncio feito hai unhas semanas polo alcalde da Estrada chega a executarse nos termos anunciados, miles de veciños e veciñas da Estrada quedarán fóra do despregue da banda ampla anunciada polo presidente da Xunta, ampliando a fenda dixital entre os que viven no rural e os que viven na vila, o cal non ten nada de equitativo.

Hai alternativa
É de agardar que o goberno municipal se escude nas operadoras privadas e na extensión do noso concello para ignorar as necesidades de case o 60% dos veciños e veciñas da Estrada. Sen embargo, concellos como Ponte Caldelas, que non ten a extensión do noso, pero que é eminentemente rural coma o noso, e non recibiron os máis de catro millóns de euros que recibiu A Estrada polo proxecto da Estrada Dixital, ten conectados ao 100% dos seus veciños a través de fibra óptica, con velocidades de acceso do século XXI. Desde o BNG entendemos que se Ponte Caldelas pode facelo, A Estrada tamén, só é cuestión de ter vontade política.