Os Orzamentos de 2017 están nas antípodas do que necesita o noso concello e do que propón o BNG


O proxecto de Orzamentos do concello da Estrada elaborado polo goberno do Partido Popular é continuista, única verdade que se desprende da memoria da alcaldía que acompaña aos orzamentos. Polo que respecta a todo o demais, os Orzamentos de 2017 están nas antípodas do que necesita o noso concello e do que propón o BNG.

Segundo indica tamén na memoria da alcaldía, estes orzamentos caracterízanse “sobre todo pola contención gasto”. Nada máis lonxe da realidade, non hai máis que botar unha ollada aos ingresos e gastos para ver, un ano máis, como o gasto corrente segue unha liña alcista, moi por enriba dos ingresos, o que impide ao concello facer os investimentos que necesita A Estrada, dependendo case en exclusiva doutras administracións. Neste sentido non deixa de ser sintomática a baixada en case 100.000 € dos investimentos previstos para o rural.

Tamén se afirma na memoria que os orzamentos buscan “solucións aos principais problemas”, como a falta de emprego e o escaso dinamismo da economía estradense. Outra mentira. Non hai máis que ver a proposta de investimentos para comprobalo. Só se inclúe a renovación do pavimento de viais rurais e urbanos e proxectos de humanización de rúas sen ter antes solucionados os problemas de circulación e a perda de espazos de aparcadoiros que estas actuacións ocasionarían.

O QUE NON TEÑEN OS ORZAMENTOS DO PP

Desenvolvemento urbanístico

  • Non se desenvolve urbanisticamente a vila coa apertura de novas rúas e zonas de aparcadoiros en superficie, toda actuación neste sentido, está derivada cara a iniciativa privada (Mercadona).

Desenvolvemento económico

  • Non se contempla a ampliación do polígono industrial de Toedo, nin sequera da Cidade do Móbel.
  • Tampouco se contemplan actuacións en proxectos industriais que integren a actividade gandeira local (recuperación do matadoiro, complementando a súa actividade coa elaboración e comercialización de derivados cárnicos).
  • Tampouco se desenvolve canles de comercialización da produción agraria local (dinamización da praza de abastos como referente de distribución e venda).
  • O monte tamén é outro dos ausentes destes orzamentos. Non se promoven sistemas de xestión e limpeza conxuntos nos montes privados como medio de aumentar a súa produtividade e combater os incendios forestais.

Desenvolvemento social

  • A respecto da política social limítase a desenvolver políticas de beneficencia e a execución de programas deseñados e financiados desde a Xunta de Galiza a través do departamento de servizos sociais.
  • Non se contempla ningunha actuación para garantir o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda e servizos básicos a un prezo que se corresponda cos seus ingresos.

En calquera caso, a conclusión que se extrae destes orzamentos do PP é que a inversión do concello limítase á aportación de fondos procedentes da UE (FEDER, EDUSI…) e subvencións da Deputación de Pontevedra, que se citan na memoria da alcaldía pero que non se concreta o seu destino, furtándoos así do seu debate no Pleno municipal.

Máis todas estas actuacións están condicionadas pola aportación económica municipal, do que actualmente carece. A proposta do alcalde –en declaración ós medios de comunicación- non pode ser máis esperpéntica. No canto de adicar o remanente de tesourería de aproximadamente 900.000 € a estas actuacións, destinarán esta cantidade a amortizar débeda pola imposición do Ministerio de Economía e Facenda, pero o concello pedirá un crédito extra-orzamentario de 900.000 € para acometer estes investimentos. O dito, un esperpento.

O QUE DEBERÍAN TER OS ORZAMENTOS. A PROPOSTA DO BNG

Fronte á parálise e á falta de ideas do PP para o desenvolvemento socio-económico do noso concello, o BNG ten alternativas, que, se ben, non se poderían acometer nun só ano, pero si permitirían dinamizar a economía do concello con actuacións como as que se indican a continuación:

  • Apertura da rúa entre As Colonias e 25 de Xullo.
  • Compra de terreos para aparcadoiros públicos e gratuítos en superficie.
  • Compra de terreos para ampliación do polígono industrial de Toedo.
  • Posta en marcha do matadoiro municipal.
  • Dinamización da praza de abastos como referente de comercialización dos produtos agrarios locais.
  • Adicar o 75% do persoal contratado nos plans de emprego á limpeza do monte, desenvolvendo convenios con propietarios, distribuíndo o monte do concello en zonas ou parroquias. Eses convenios estarían condicionados a que unha porcentaxe significativa de propietarios (75%) aceptase a actuación. Financiaríanse estes traballos co establecemento dunha cota anual por conta do propietario en función da súa superficie.
  • Estudo sobre a necesidade de vivenda, número, situación e categorías das vivendas valeiras, cara a creación dun parque público de vivendas de alugueiro con prezos adecuados aos ingresos dos usuarios.
  • Plan de axuste no gasto: estudo de custe dos servizos e auditoría da xestión dos mesmos.
  • Establecer un sistema fiscal progresivo para o pago dos servizos, establecendo un coeficiente de progresividade en función dos ingresos de cada usuario.
  • Municipalización da EDAR de Aguións.
  • Actuacións en sumidoiros e saneamento do rural.

FINANCIAMENTO

É evidente que todas estas actuacións necesitan o seu financiamento, que sairían basicamente do aforro da carga financeira, dos fondos FEDER e EDUSI, así como do Plan Concellos da Deputación, remanentes e baixas de obras, que a propia memoria dos orzamentos estima en 3.500.000 €.

Por outra parte, tamén se acometería unha estrita revisión dos gastos do orzamento, eliminando todas as partidas que ao noso entender non son necesarias. Así por exemplo, eliminaría o asesor xurídico (A Estrada conta con unha secretaria do concello), eliminaríanse os estudos e traballos técnicos (o traballo recaería nos cinco arquitectos cos que conta o concello), tamén se eliminaría a partidas de “estratexia e desenvolvemento urbaán sostíbel, así como a de proxectos técnicos e humanización de rúas. Esta revisión de custes permitiría un aforro de 453.000 €.

Advertisements