Contestación ás críticas do alcalde a respecto do espallamento da fibra óptica proposta polo BNG


Logo das últimas declaracións do alcalde a respecto da proposta do BNG para implantar a fibra óptica no rural da Estrada, vémonos na obriga de facer as seguintes aclaracións:

A iniciativa de levar a banda ampla ao 96% do territorio para que “os galegos teñan acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións”, parte dunha iniciativa do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que presentou en outubro de 2015. Que agora veña o alcalde da Estrada dicindo que non se pode levar a fibra óptica ao rural porque ten un prezo “prohibitivo” deixa claro que algún dos dous mente. Tamén pode pasar que mintan os dous, o alcalde e o presidente da Xunta, xa que este último presentou en 2010 unha iniciativa semellante a anunciada en 2015, cun orzamento multimillonaria en ambos os dous casos, pero cuxos resultados non se ven por ningún lado.

No BNG sabemos perfectamente que espallar a fibra óptica no rural non é doado nin barato, mais iso non lle impediu ao concello de Ponte Caldelas conectar a todos os veciños e veciñas a través da fibra óptica; e por certo, a prezos asequibles. Neste caso hai un goberno preocupado polas necesidades dos veciños e veciñas e no noso caso temos un goberno máis preocupado por botar balóns fóra e cortinas de fume, como faría un vulgar aprendiz de Goebbels.

SEN FIBRA ÓPTICA, SEN SANEAMENTO… SEN SERVIZOS

Máis o que nos preocupa das declaracións do alcalde é que ve “inviábel” levar a fibra óptica ao rural, e iso é unha mala noticia para preto do 60% dos veciños e veciñas da Estrada que viven no rural, que están sendo tratados como se foran de segunda, cando pagan impostos como calquera persoa que viva na vila. Mais tamén unha mala noticia, porque demostra que temos un goberno municipal incapaz e inútil, que se limita no mellor dos casos a xestionar o maná que lle cae do ceo, demostrando que carece de iniciativa.

Pero cando dicimos que A Estrada ten un goberno incapaz non é só unha frase feita e recorrente dos partidos da oposición. Outra das demandas históricas dos veciños e veciñas do rural é o saneamento. O PP leva seis anos ininterrompidos no goberno municipal e en todos estes anos non foi quen de levar o saneamento a unha soa parroquia. Por suposto, tamén sabemos que non é doado nin barato, pero tampouco se molestou en buscar alternativas.

En resumo, que os veciños e veciñas do rural queren servizos en igualdade de condicións que os que teñen os da vila, nin máis, pero tampouco menos. E xa sabemos que o alcalde vai moito polo rural, pero xa é hora de levar algo máis que apertóns de mans e abrazos do alcalde, aos que é tan afeccionado.

E xa por último, rexeitamos rotundamente que poña na nosa boca cousas que desde o BNG nunca dixemos a respecto de A Estrada Dixital e o seu cadro de persoal. Sabemos perfectamente diferenciar o proxecto dos traballadores e traballadoras, que se limitaron a cumprir as ordes dos distintos gobernos que o xestionaron desde 2004. Se pouco queda en pé daquel proxecto, desde logo non é culpa dos traballadores e traballadoras, senón dos gobernos municipais.