Ampliar a Alameda non é unha prioridade


No BNG apostamos por espallar por todo o casco as zonas verdes e de lecer, así como os aparcadoiros públicos

Desde o BNG da Estrada queremos manifestar máis unha vez a nosa oposición a que se amplíe a Alameda dilapidando cartos do erario público municipal. Desde o noso punto de vista a ampliación da Alameda tal e como prevé o Partido Popular é un despilfarro e unha hipoteca inasumíbel para o concello.

No canto disto, o BNG considera moito máis útil para os veciños e veciñas da Estrada, e por suposto, máis económico, dotar o casco urbano con distintas zonas verdes, e mellorar a calidade urbana da vila, no canto de se centrar nunha soa e puntual actuación. Ao mesmo tempo, estas zonas verdes repartidas pola vila levarían aparelladas aparcadoiros públicos, o que facilitaría o aparcamento de vehículos en superficie; dando resposta tanto á cidadanía que reside na vila coma ao comercio e ás necidades de aparcadoiro que require o carácter administrativo e comercial da Estrada como cabeceira de comarca.

Ampliar a Alameda co elevado custe que vai fai necesaria a convocatoria dunha consulta popular. Instamos ao alcalde a convocala para que os veciños e veciñas da Estrada poidan elixir entre o proxecto do PP para ampliar a Alameda, que aínda hoxe en concreto non se sabe moi ben en que consiste, ou a do BNG de espallar polo casco urbano as zonas verdes e os aparcadoiros públicos asociados, un deseño, desde logo, moito máis racional e útil para todos e todas. En todo caso, os veciños e veciñas teñen o dereito a decidir se queren ampliar ou non a Alameda tendo en conta o elevado custe que iso suporía para o erario público.