O BNG da Estrada pide dotar de beiravía o tramo da N-640 entre a Anllada e o Alto da Cruz


O goberno municipal debería instar a todas as administracións implicadas a construír beiravías en todas as estradas de competencia supra-municipal, e en todo caso, velar que todas as de nova construción teñan a beiravía correspondente

Desde o BNG da Estrada apoiamos a iniciativa que están impulsado diversos colectivos ciclistas da Estrada nas redes sociais para dotar de beiravía a N-640 desde a Anllada até o Alto da Cruz.

Como calquera veciña e veciño do concello pode apreciar ese tramo especialmente sinuoso e perigoso, carece de beiravía no tramo sinalado, e é moi transitado por moitos ciclistas do noso concello e tamén dos limítrofes que non teñen espazo físico para apartar dos coches poñendo en risco a súa integridade física.

A beiravía é máis que un tramo de estrada asfaltada, é o espazo vital de ciclistas e peóns. De feito, publicacións da Dirección Xeral de Tráfico indican que o 78% dos accidentes nos que se ven implicados ciclistas suceden en estradas sen beiravía ou sen o ancho legalmente estabelecido.

Por outra parte, as beiravías garanten tamén a seguranza vial de condutores e condutoras no caso de teren unha avaría e dos peóns que circulan polas estradas.

Neste sentido, non só consideramos imprescindíbel que se dote de beiravía este tramo da estrada N-640 entre a Anllada e o Alto da Cruz, senón que desde o goberno municipal se inste a todas as administracións implicadas a que planifiquen a construción de beiravías en todas as estradas de competencia supra-municipal. E, en todo caso, o goberno municipal ten que velar para que as estradas de nova construción teñan todas a súa beiravía correspondente.

Advertisements