O PP convoca as axudas para o comedor escolar cun ano de atraso


O lóxico sería publicar as bases do vindeiro curso a estas alturas ou cando remate o proceso de matriculación, contando cunha previsión de nenos e nenas que farán uso do comedor escolar

Hoxe o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica as bases reguladoras da convocatoria do concello da Estrada para a concesión de axudas destinadas ao pago de comedor escolar para o curso 2016/2017, que abrangue o período de setembro de 2016 até xuño de 2017.

Para o BNG da Estrada non é de recibo nin é lóxico publicar as bases reguladoras das axudas para o comedor escolar cando xa está rematando o curso. Se o obxectivo é axudar ás “familias con dificultades e máis aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social”, facer este tipo de convocatoria cun ano de atraso, non é o mellor xeito de axudar precisamente a esas familias, que ao longo de todo o curso tiveron que afrontar do seu peto o custe do comedor escolar. É unha tomadora de pelo e un verdadeiro problema que o goberno ten que solucionar.

Neste sentido instamos ao goberno municipal do PP a convocar unha comisión para abordar este asunto e buscar a mellor solución para todos, para as familias en risco de exclusión, para que non teñan que adiantar os cartos, pero tamén para os colexios para facilitarlles o control.

O lóxico, en todo caso, sería que as bases do vindeiro curso se publicasen a estas alturas ou cando remate o proceso de matriculación do alumnado, contando xa cunha previsión de nenos e nenas que farán uso do comedor.

Mais, unha vez máis, o goberno municipal do PP demostra que a previsión non é o seu forte, o seu é a improvisación, como quedou claro hai uns días coa convocatorias das prazas do campus de verán.

Advertisements