O BNG alerta sobre o estado de abandono de moitos viais do noso concello


WhatsApp Image 2017-06-14 at 10.15.08O BNG quere denunciar o estado de total abandono no que se atopan moitas vías de titularidade municipal por todo o noso rural. Non hai máis ca dar unha volta por unha das parroquias para ver un exemplo extrapolábel ao resto do rural.

Xa as propias pistas de acceso a moitos núcleos non teñen o ancho mínimo para garantir unha mobilidade minimamente segura e se a isto lle sumamos a falla de desbroce que provoca a invasión da calzada pola vexetación, o BNG considera que temos servidas as mellores condicións para que o día menos pensado se produza un accidente grave que non se vai solucionar só con queixas e arrepentimentos.

Desde Arca a Guimarei, desde Vea a Vinseiro, e así até nomear todas e cada unha das parroquias do rural, en todas elas o mantemento do concello simplemente non existe nuns viais, que, como dixemos, adoita ser estreito como para garantir a seguranza dos veciños e veciñas.

O BNG tamén considera que non é de recibo para a xente que se faga esa discriminación entre a vila e o rural, como se este último fose unha reserva que hai que manter en condicións prehistóricas.
O rural tamén existe, e de momento resiste pero un día vai deixar de facelo. O BNG reitera que todos os cidadáns do concello deben ser persoas cos mesmos dereitos, neste caso poder trasladarse para a súa actividade vital nas mellores condicións de seguridade, igual que as do ámbito urbano.
Se para as festas do S. Paio procede, como é natural, mellorar o aspecto da vila, debe ter tamén prioridade a seguridade da xente da aldeas.

Por todo isto o BNG insta ó goberno municipal presidido polo sr. López a que dunha vez por todas tome en serio este asunto tan inaprazábel.

Advertisements