Instamos ao alcalde da Estrada a cesar ao concelleiro de turismo polo peche da oficina de turismo


turismo

Oficina de turismo

Ten demostrado unha reiterada falta de dilixencia, previsión e incompetencia ao deixar o noso concello sen oficina de turismo por segundo ano consecutivo

O verán non chega de repente. Á marxe das condicións climatolóxicas que poden ser máis ou menos benignas, o verán, como todos os anos dá comezo o 21 de xuño. Máis tendo en conta as últimas declaracións do concelleiro de turismo da Estrada, Óscar Rancaño, dedúcese que o goberno municipal do PP anda un tanto despistado e o verán entra sen avisar, pillando ao grupo de goberno sen os deberes feitos e polo tanto, un ano máis, e xa van dous, a oficina de turismo da Estrada estará pechada todo o verán, cuxas consecuencias pagará o sector turístico local e mesmo a promoción de eventos importantes como a Rapa das Bestas, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Á marxe de brincadeiras, do que se deduce da actuación do concelleiro de turismo da Estrada é a falta de dilixencia e previsión no exercicio das súas funcións, cuxas consecuencias paga o pobo da Estrada, e debería levar ao alcalde a cesar das súas responsabilidades ao concelleiro de turismo.

Porque ademais de deixar sen oficina de turismo por segundo ano consecutivo, nun exercicio de cinismo político marca da casa Popular, o concelleiro bota balóns fóra, culpando do peche da oficina de turismo local á Deputación de Pontevedra e ás Universidades de Vigo e A Coruña por non asignarlles persoas para atender a oficina, cando iso é competencia da concellería de turismo, que terá que facer as solicitudes correspondentes en tempo e forma.

Porque tamén tiña a posibilidade de solicitar unha bolseira ou bolseiro en prácticas á Deputación de Pontevedra e non o fixo. Por outra parte é responsabilidade súa buscar recursos económicos para asignalos á oficina de turismo ou asinar un convenio con Mar de Compostela para que contrate esta asociación, que aglutina a maior parte das casas de turismo rural do concello.

En resumidas contas, o concelleiro de turismo, a parte de falta de dilixencia e previsión, non sabe xestionar a súa área, demostrando a súa incompetencia absoluta para dirixir unha concellaría de goberno. É por iso que reiteramos que o alcalde debe cesar de xeito inmediato a Óscar Rancaño.

Por outra parte, non é a primeira vez, e polo que se ve tampouco será a última, que o goberno municipal de López deixa escapar as oportunidades que lle brinda a Deputación de Pontevedra para proporcionar servizos ao concello da Estrada. Hoxe é a oficina de turismo, pero onte foron os plans de mobilidade e a compostaxe. Unha estratexia que está por ver se lle dá réditos electorais ao PP, pero que aos veciños e veciñas da Estrada sáelle cara.

Advertisements