Nin zonas verdes nin azuis, máis aparcamento público gratuíto en superficie


Como xa denunciamos reiteradamente a vila da Estrada ten un déficit importante en zonas de aparcadoiro. Este problema, que non só se fai evidente todos os días, tamén se manifesta na ordenación das zonas de aparcadoiro verdes e azuis deseñadas polo goberno municipal do PP. As primeiras é para facilitarlle en teoría o aparcadoiro ás persoas residentes desas rúas e as azuis para o resto de veciñas e veciñas, acoutado o aparcamento a un período de tempo curto para facilitar a mobilidade.

Para o BNG a solución virá por crear máis zonas de aparcamento público e gratuíto en superficie e mellorar o acondicionamento das existentes para eliminar dunha vez por todas este problema.

O problema que teñen as zonas azuis é que obriga á mobilidade do coche, prexudicando ás persoas que traballan na vila. E converter zonas verdes en azuis, como xa dixemos tampouco é a solución, porque prexudicaría ás persoas residentes desas rúas a mover o coche cada certo tempo.

Neste sentido, desde o BNG avogamos pola desaparición das zonas verdes e azuis e reiteramos que é necesario crear máis zonas de aparcadoiro público gratuíto en superficie para que todos e todas teñan facilidade para deixar o coche tanto se fan compras como se traballan. Os veciños e veciñas da Estrada pagan impostos e o goberno municipal ten que aportar solucións aos problemas, non crealos.

PINTAR OS PASOS DE PEÓNS
Desde o BNG da Estrada queremos insistimos en que é urxente pintar a Avenida de América, en especial os pasos de peóns. Non se entende tanto desleixo por parte do goberno municipal, en especial, porque esta rúa asfaltouse en decembro e desde aquela veciños e veciñas xóganse a súa integridade física para cruzar a rúa.