A Xunta do PP reduce nun 60% o plan marco de mellora de camiños rurais para 2017 e 2018


O BNG rexistra unha moción para aumentar a dotación do Plan de mellora de camiños rurais

Esta redución deixa ás claras que o medio rural, os investimentos para a súa mellora e desenvolvemento non son a prioridade do Goberno do Partido Popular en Galiza, pois relega investimentos destinados a actuacións que inciden directamente na mellora dos equipamentos e infraestruturas no medio rural, que potencian directamente a base produtiva do agro galego. Dese xeito, con esta política de diminución dos fondos achegados aos concellos para a investimentos no rural, o Partido Popular rexeita manter o necesario esforzo na dotación de fondos públicos para dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que viven no medio rural no noso país e que ademais contribúen a corrixir os desequilibrios territoriais e a fixar poboación no rural.

A Consellaría do Medio Rural recorta a asignación indicativa de 13 euros por habitante de 2016, ao pasar agora a 10 euros por habitante para o período bianual, isto é, 5 euros por habitante e ano. Esta redución supón un recorte de preto dun 60% para o período 2017 e 2018.

Esta evolución negativa de fondos para o rural está inserida no desleixo que o Goberno da Xunta de Galiza amosa polo sector agrario no seu conxunto. As consecuencias desa falta de atención polas políticas rurais xa se denunciaron cando o Goberno presidido por Feijoo aceitou un notábel recorte nos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 de Galiza, que conta cunha dotación económica un 20 por 100 inferior ao orzamento inicial do Programa do período precedente 2007-2013.

Neste sentido, o BNG da Estrada vén de rexistrar unha moción para instar á Xunta de Galiza a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais de todos os concellos do país, así como asegurar os investimentos de xeito sostido e progresivo en colaboración cos concellos.

Desde o BNG da Estrada instamos ás forzas políticas con representación, incluída a forza que sostén o goberno municipal, a apoiar esta moción ao entender que o noso concello non podería soportar unha redución do Plan de mellora de camiños dado o carácter eminentemente rural do noso concello e a importancia que aínda ten a agricultura e a gandería. A mellora das infraestruturas rurais é clave para o desenvolvemento do sector primario do concello.

Advertisements
Etiquetas: