O goberno do PP elimina aparcadoiros públicos na prolongación da Rúa Peregrina


peregrinaO BNG amósase contrario ás delimitacións das zonas verdes e das zonas azuis, e insistimos, máis unha vez, que o que ten que facer o goberno municipal do PP, e crear zonas de aparcamento público en superficie

Se hai uns días denunciabamos a falta de aparcadoiros públicos na vila da Estrada, así como a política de delimitar as existes en zonas verdes e azuis, o goberno municipal do PP non só acaba de ampliar estas zonas, senón, e o que é peor, elimina prazas públicas en superficie.

Despois de moitos meses, onte remataba o pintado da prolongación da Rúa Peregrina e a Avenida de América e puidemos constatar as denuncias feitas por veciños e veciñas da zona que criticaba a eliminación de aparcadoiros públicos á altura da Praza do Mercado. Onde antes se podía aparcar libremente, agora está prohibido, poñéndollo moi difícil para aparcar a residentes e traballadores e traballadoras que até o de agora podían aparcar coa delimitación da zona azul en toda a rúa.

Como dixemos hai uns días, o BNG amósase contrario ás delimitacións das zonas verdes e das zonas azuis, e insistimos, máis unha vez, que o que ten que facer o goberno municipal do PP, e crear zonas de aparcamento público en superficie, no canto de pintar as rúas de cores, complicándolle a vida a residentes das zonas afectadas, así como traballadores e traballadoras que utilizan as rúas da vila para deixar o coche durante a xornada laboral.

Pintado selectivo
Por outra parte, o BNG da Estrada tamén quere denunciar o pintado selectivo dos pasos de peóns. Polo que se ve para o goberno municipal do PP, os veciños da Estrada divídense en estradenses de primeira e de segunda. Aos de primeira, aqueles que viven nas rúas máis céntricas, poden desfrutar duns pasos de peóns pintados; os que viven máis lonxe do centro terán que seguir cruzando por pasos de peóns gastados e despintados, poñendo en risco a súa integridade física cada vez que cruzan a rúa.