Esiximos unha comisión de investigación sobre os negocios de Failde co concello da Estrada


Esiximos ao alcalde a convocatoria desta comisión, estendendo o período investigado ás adxudicacións da Estrada Dixital, das que se beneficiou o grupo de empresas que agora rexenta o xefe de protección civil da localidade

Desde o BNG da Estrada esiximos ao alcalde a convocatoria dunha comisión de investigación no concello para aclarar todos os contratos adxudicados ás empresas vinculadas ao xefe de Protección Civil da Estrada, Carlos Faílde, e membro da executiva local do PP.

Esta petición da comisión de investigación estendémola non só ao período no que esta persoa compatibiliza o cargo de xefe de protección civil, nomeado polo alcalde da Estrada, senón tamén aos últimos 10 anos, e en concreto ás adxudicacións feitas a través do proxecto A Estrada Dixital, cuxo grupo de empresas beneficiouse con máis de 400.000 euros en adxudicacións durante ese período.

En concreto, queremos se faga unha especial investigación da adxudicación dun contrato de 280.000 euros, da que foi beneficiaria a empresa que agora rexenta Carlos Failde. Un contrato, que, como dixemos en 2007, foi adxudicado a dedo, coa única oposición do BNG no seo da padroado da Fundación Cultural, algo que vulneraba, xa naquela altura, toda a lexislación de contratos coa administración pública.

Desde o BNG da Estrada entendemos que con carácter xeral aqueles contratos que deba realizar o concello (con provedores, de obras, …) realizaranse por procedementos que inclúan a publicidade fuxindo das adxudicacións directas e os Negociados Sen Publicidade (obviamente naqueles nos que polo obxecto e contía a lei non o esixe), establecendo un Regulamento Municipal de Contratación, así coma a publicación de todos os contratos e un estrato anual dos pagos realizados a cada unha das empresas que inclúa a razón social, o concepto e o importe abonado polo Concello.

É evidente que a política do PP da Estrada a respecto das contratacións públicas está nas antípodas do que defende o BNG, así como nas esixencias de transparencia que debe presidir toda xestión pública, que, como xa dixemos en reiteradas ocasións, o goberno municipal ten aquí un déficit moi importante.

Advertisements
Etiquetas: