O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas “Mini” leva ao parlamento as desfeitas causadas pola fauna salvaxe na Estrada


foto-leira

Xosé Luís Rivas “Mini” con membros do BNG e gandeir@s de Vea.

O deputado nacionalista mantivo un encontro con gandeiros e gandeiras do concello para coñecer de primeira man os problemas que causa o xabarín e o lobo nos cultivos e animais domésticos

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Xosé Luís Rivas “Mini”, mantivo no día de onte un encontro con gandeiros e gandeiras do noso concellos cuxas leiras se viron afectadas polo xabarín. O encontro do deputado, que estivo acompañado polo concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, así como Susana Camba, do consello local e da Executiva Nacional do BNG, tiveron lugar nas parroquias de Santo André de Vea, concretamente nunha leira afectada polo xabarín até en catro ocasións, en Lamas onde tamén se rexistraron desfeitas causadas por este animal salvaxe.

Segundo explicou o deputado nacionalista “o BNG está comprometido co sector agro-gandeiro na procura dunha solución aos reiterados ataques a cultivos e gando por parte da fauna salvaxe”. “Esta situación”, afirmou, “que está motivada pola desastrosa política agro-gandeira e forestal do PP dos últimos trinta anos”. “É certo que temos moito monte, pero as eucalipteiras non dan alimento á fauna salvaxe, empuxándoa aos cultivos e aos animais domésticos no caso do lobo”.

O deputado do BNG anunciou, que “temos en axenda diversas proposicións non de lei e outras iniciativas para tratar este asunto, que resulta moi prexudicial para os intereses dos gandeiros e das gandeiras, e por suposto incluiremos os danos que vimos de coñecer aquí na Estrada”.

O deputado do BNG no Parlamento indicou que “facer batidas xa se ten demostrado que non é a solución, estamos por manter a diversidade, algo no que coincidimos cos gandeiros, mais avogamos pola posta en marcha de recursos para medidas preventivas que impidan o achegamento da fauna salvaxe aos cultivos, así como o pago xeneroso e inmediato de danos”. “O que non pode ser”, afirmou Mini, “é que os gandeiros chamen ao 012 para que lles veñan levantar acta das desfeitas causadas polo xabarín e non atendan as súas demandas.” “O que non pode ser”, engadiu, “é que os gandeiros e gandeiras teñan que agardar anos -os que teñen sorte- para cobrar unha indemnización miserenta que non cubre as perdas ocasionadas, porque non estamos a falar duns graos de millo que se perden, estamos a falar das perdas na produción, estamos a falar de alimento para o gando, e iso ten un prezo moi distinto ao que está pagando agora mesmo a administración galega”.

O deputado nacionalista indicou que “se estamos todos de acordo en que a diversidade medioambiental é necesaria e un ben que non podemos perder, o que si temos claro no BNG é que o que tamén compre protexer é ao gandeiro e gandeira, porque, ademais de proporcionarnos alimento, cumpre unha función social no rural da que non podemos prescindir se queremos un rural vivo e especialmente se queremos unha Galiza con futuro”.

Pola súa parte o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, lamentou a falta de interese do alcalde co sector agro-gandeiro. “Sobre as desfeitas causadas polo xabarín ou os ataques do lobo o noso alcalde nin se pronunciou nin agardamos que faga algo na administración amiga de San Caetano”, afirmou. “Semella”, engadiu, “que ao alcalde só lle interesan os negocios dos amigos” en referencia á polémica que estes días sacude a política local de supostos tratos de favor nas adxudicacións públicas á empresa do xefe de protección civil do concello e membro da executiva local do PP.

Advertisements