O alcalde agóchase detrás de Failde para fuxir das súas responsabilidades


failde-co-alcalde-e-rueda

O alcalde con Alfonso Rueda e Carlos Failde

Desde o BNG da Estrada pedimos ao alcalde que cese a Carlos Failde como xefe de protección civil polo dano que está causando a este organismo

O alcalde da Estrada non quere dar a cara, e o que é peor, non quere dar explicacións nunha comisión de investigación sobre as contratacións co concello do xefe de protección civil e membro da executiva local do PP. É o que se desprende das últimas declaracións do implicado nesta trama, Carlos Failde, cuxas ramificacións alcanzan tamén ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Hai que recordar, que, á marxe de se cobra ou non cobra polas súas funcións, o alcalde da Estrada é o responsábel do nomeamento de Carlos Failde como xefe de Protección Civil e é o alcalde o que ten que dar explicacións e convocar unha comisión de investigación, que é evidente que non lle interesa ao PP, logo das últimas declaracións de Failde.

O BNG volve a insistir en que hai que investigar os últimos 10 ou 12 anos, non só desde que esta persoa foi nomeada xefe de protección civil. E é falso o que afirma Failde que ninguén dixo nada das súas contratacións, aí están as hemerotecas para ver a posición meridianamente clara do BNG en contra da adxudicación a dedo de 280.000 euros en 2007.

Dano a protección civil

Por outra parte, desde o BNG consideramos que este asunto está afectando moi negativamente á imaxe de Protección Civil da Estrada, que presta un servizo moi importante aos veciños e veciñas. Neste sentido, o BNG da Estrada pide ao alcalde que cese a Carlos Failde das súas funcións como xefe de Protección Civil. Non é de recibo que este organismo apareza vinculado a esta trama do PP local.

Advertisements