As explicacións do alcalde polo caso Failde non poden ser a porta pechada


portapechadaO BNG esixe que as explicacións do alcalde sexan en Pleno, diante dos veciños e veciñas, e non en comisión a porta pechada, xusto antes dun pleno no que non hai asuntos que tratar

O pasado domingo saía na prensa da localidade que o alcalde da Estrada ía dar explicacións polo caso Failde no pleno do xoves. Mais, logo de recibir a convocatoria da comisión de organización para ese mesmo día deducimos que as explicacións non se darán no pleno, senón na comisión.

Non é de recibo que as “explicacións do alcalde, sobre un caso como este, que suscitou a indignación de boa parte dos veciños e veciñas da Estrada, se agoche nunha comisión a porta cerrada, á que só terán acceso os representantes políticos, furtándolle á veciñanza poder presenciar as explicacións e as obvias preguntas e intervencións dos partidos políticos con representación.

Por se as razóns esgrimidas no punto anterior non son suficientes, desde o BNG da Estrada consideramos un despilfarro que se convoque unha comisión unha hora antes do pleno ordinario, que non ten puntos que tratar na orde do día, agás o de rogos e preguntas. É un despropósito absoluto.

Neste sentido, instamos ao alcalde a rectificar, e independentemente do que faga o alcalde, o BNG trasladará o asunto ao pleno a través dos rogos e preguntas, para que teña que dar a cara igualmente diante dos veciños e veciñas que asistan ao pleno. Se todo está tan claro e transparente como el di, dar a cara no pleno sería o normal e o desexábel, non só polos veciños e veciños que esixen unha explicación polo caso Failde, senón tamén para aforrarlle ao concello uns miles de euros en indemnizacións aos concelleiros e concelleiras.

Advertisements