O goberno municipal do PP adxudicou a dedo o 71% das contratacións do concello da Estrada en 2016


GRAFICODos 3.195.014,21 euros adxudicados polo concello, só 914.054,71 euros se adxudicaron mediante concurso público

A Conta Xeral de 2016 do concello da Estrada non deixa lugar a dúbidas, “o goberno do PP adxudicou en 2016 o 71% dos contratos de obras, subministros e servizos utilizando o procedemento de negociado sen publicidade e adxudicación directa, ou o que é o mesmo, a adxudicación a dedo”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

Segundo explicou o portavoz do BNG dos 3.195.014,21 euros adxudicados polo concello, só 914.054,71 euros se adxudicaron mediante concurso público. O resto foi a dedo; en concreto, 1.630.033,91 euros mediante o negociado sen publicidade e 650.925,85 euros mediante a adxudicación directa. As adxudicacións mediante o procedemento de negociado con publicidade foron de cero euros.

datos-adxudicacions“O alcalde dirá que a lei ampárao para adxudicar contratos públicos mediante o procedemento negociado sen publicidade, onde o goberno convida só a determinadas empresas a participar nos concursos, no canto de publicitar e abrir o abano de posibilidades entre todas as empresas interesadas”, indicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “Sen embargo”, engadiu, “aí está toda a corrupción do caso Gürtel para demostrar que este procedemento que utiliza o PP da Estrada préstase para todo tipo de chanchullos”.

Para o concelleiro nacionalista, “o goberno do PP fai uso e abuso da lei de contratos da administración pública e os datos da Conta Xeral demostran que a xestión do PP é escurantista, pouco transparente e, vendo o que está a pasar co caso Failde, a sombra do sospeita sobrevoa o PP da Estrada”.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “o procecemento de negociado sen publicidade, así como a adxudicación directa é discriminatoria pois impide que todas as empresas interesadas en traballar coa administración poidan facelo en igualdade de condicións”. Neste sentido, o BNG da Estrada rexistrará nos próximos días un escrito onde pedirá un desglose “con nomes e apelidos e importe” de todas as adxudicacións de 2016 para fiscalizar a xestión do PP, que insistimos, é escurantista e pouco transparente como se acaba de ver”, afirmou o concelleiro do BNG.

O BNG esixe cambios nas adxudicacións públicas

Para o BNG a adxudicación públicas deben estar libre de toda sospeita. Neste sentido, o concelleiro nacionalista propón que “con carácter xeral aqueles contratos que deba realizar o concello (con provedores, de obras, …) realizaranse por procedementos que inclúan a publicidade fuxindo das adxudicacións directas e os Negociados Sen Publicidade (obviamente naqueles nos que polo obxecto e contía a lei non o esixe), establecendo un Regulamento Municipal de Contratación, así coma a publicación de todos os contratos e un estrato anual dos pagos realizados a cada unha das empresas que inclúa a razón social, o concepto e o importe abonado polo Concello.”

Tamén pide que todos os grupos con representación estean representados nas mesas de contratación con voz, pero sen voto, para facer unha fiscalización efectiva e en tempo real das adxudicacións do concello.

Advertisements