O BNG da Estrada insta ao goberno municipal a actuar xa para salvar do abandono a Torre e o Pazo de Guimarei


Un vídeo aéreo de Vagalumes amosa o extraordinario deste patrimonio estradense oculto por unha silveira, ao tempo que reflicte o abandono e o deterioro da Torre e o Pazo.

A asociación cultural Vagalumes puxo en circulación esta pasada fin de semana un vídeo áreo da Torre e o Pazo de Guimarei. O resultado é espectacular, porque reflicte unha estrutura histórica e patrimonial de enorme potencialidade para o noso concello, cuxa posta en valor sería en beneficio de todas e todas.

Mais a perspectiva aérea que reflicte o vídeo de Vagalumes reflicte, por outra banda, o estado de abandono no que se atopa a Torre e o Pazo de Guimarei, que ameaza o mantemento da estrutura de ambos os dous elementos patrimoniais. De feito, pode apreciarse claramente un loureiro que medra na cima da torre, así como todo tipo de herbas e silvas que ocupan a práctica totalidade do tellado do pazo, onde se ven claramente fendas no teito.

A pesar de que non é a primeira vez que nos pronunciamos sobre a necesidade de que a administración municipal tome a iniciativa para recuperar estes elementos patrimoniais, logo da visualización deste vídeo instamos ao goberno municipal mobilizarse para salvar do abandono a Torre e o Pazo de Guimarei. O concello da Estrada non pode permitirse o luxo de ter o noso patrimonio nunha silveira, cómpre recuperalo para as xeracións do presente e do futuro.

Neste sentido, instamos ao goberno municipal do PP a que tome como primeira medida que o propietario limpe ambas as dúas estruturas, especialmente a Torre, que foi declarada Ben de Interese Cultural en 1949, para impedir o derrube e o deterioro de ambos.

Por outra parte, instamos ao goberno municipal a mobilizarse para recuperar para o patrimonio público ambas estruturas, que permita poñelo en valor e potencialo a curto prazo. O PP non pode escudarse en que non hai cartos para seguir mantendo na silveira a Torre e o Pazo, cómpre implicar a todas as administracións para salvar o noso patrimonio. Insistimos, non é cousa de cartos, é unha cuestión de vontade política.

Advertisements