O concello edita o folleto do Campus Verán completamente en castelán


O BNG da Estrada denuncia a falla de compromiso do concello coa nosa lingua

A día de onte no BNG atopámonos con un folleto informativo dirixido a todos e todas as participantes no CAMPUS DE VERÁN de Figueiroa escrito totalmente en castelán.

Neste folleto infórmase de varias cuestións referidas ó campus, tales como datas, lugar, horarios, equipación necesaria para asistir, actividades a desenvolver e outros datos de interese para os participantes.

Esta folla informativa está encabezada polo escudo do concello da Estrada e polo logo de “A Estrada co deporte” como promotores do campus. Desde o BNG queremos saír ó paso deste tipo de actuacións pois consideramos que redundan nun efecto desgaleguizador rexeitable, posto que ademais inciden nun ámbito moi sensible cal é o da socialización do lecer e das relacións entre compoñentes de grupos infantís e adolescentes. Non queremos nin pensar o que pasará no propio desenvolvemento das actividades, cando nin na información institucional se observa unha mínima intención normalizadora.

O BNG por enésima vez insta ó PP a que reflexione dunha vez por todas, e nun exercicio intelectual, pouco complicado por outra parte, chegue á conclusión de que os galegofalantes somos bilingües e a única maneira de que os falantes en castelán tamén o sexan é poñéndoos en contacto coa nosa lingua con un traballo de discriminación positiva que chegue a normalizar o que ata o de agora non o está.

Polo tanto instamos ó actual goberno a que rectifique estas situacións xa, cumplindo co compromiso mínimo a nivel lingüístico como é a utilización do galego en toda a administración municipal, e polo tanto tamén en todas as actuacións do seu patrocinio.

Advertisements