O BNG da Estrada acusa de inacción total á Xunta e ao concello para atallar o andazo da vespa velutina


ninho-velutinaXosé Magariños denuncia o pasotismo da ambas administracións e advirte que o vindeiro ano o andazo de velutina pode ser moito máis grave

O BNG da Estrada acusa de inacción total á Xunta e ao concello para atallar a praga da vespa velutina. Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “son moitos os veciños e veciñas indignados pola falta de iniciativa e de pasotismo de ambas as dúas administracións públicas para facer fronte a unha praga, que está arrasando as colonias de abellas do país así como as froitas que empezan a madurar nesta época”.

“Son moitos os veciños e veciñas”, engadiu o concelleiro do BNG, “que nos comunican que a pesar de que informan ao 012 da presenza das velutinas ninguén se pon en contacto con eles ou se van aos lugares indicados non fan nada por falta de medios por estar os niños en lugares de difícil acceso”. “Non facer nada non é a solución”, afirmou o concelleiro do BNG, “e todo semella que e estratexia do PP é esa, agardar a que chegue o inverno, que é cando hibernan estes vechos, e o vindeiro ano xa se verá”.

ninho-velutina-castiñeiroO concelleiro nacionalista avisa de que “teñen que tomarse medidas inmediatamente para frear a vespa velutina, que está presente xa en practicamente todas as parroquias do concello, porque senón a vindeira tempada da primavera-verán pode ser peor que esta para as colleitas de froitas, e mesmo expandirse ao casco urbano, feito que xa aconteceu este verán por exemplo na Avenida Fernando Conde”.

Xosé Magariños afirmou que “hai unhas semanas aprobamos por unanimidade unha moción para instar a Xunta a tomar medidas fronte a este andazo, mais á vista está que non é suficiente con enviar un papel a San Caetano, sede da Xunta de Galiza, cómpre que o goberno municipal de López implique ao goberno amigo de Feijóo na resolución deste problema, que se non se atalla será catastrófico para o medioambiente e para o rural do noso país.”

“Neste sentido”, afirmou Magariños, “instamos ao goberno municipal a poñerse as pilas para facerlle fronte á vespa velutina, coordinando as accións de protección civil priorizando aqueles casos máis graves”.

Por outra parte, o concelleiro do BNG quere deixar claro que “a vespa velutina non é máis perigosa para o ser humano que unha vespa común ou unha abella, agás sexa unha persoa alérxica ás picaduras deste tipo de bechos, e neste sentido non é a nosa intención crear alarma social, pero si concienciar sobre os perigos que supón para o medioambiente a presenza dunha especie invasora como a vespa velutina”.

Advertisements