O BNG pide no Parlamento que o Goberno galego tome medidas urxentes para erradicar a vespa velutina


velutinaO deputado e portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas “Mini” insta ao Goberno galego a tomar medidas urxentes no combate contra especie invasora da vespa velutina que se alimenta de insectos, especialmente avellas, así como froita, amosando unha grande agresividade.

O BNG traslada ao Parlamento galego a preocupación e demandas dos veciños e veciñas da Estrada ante a falta de resposta por parte das administracións públicas (concello e Xunta de Galiza). O episodio vivido neste últimos días na parroquia de Nigoi, onde unha colonia de velutinas arrasou cen colmeas de abellas, debería facer reflexionar, especialmente ao goberno municipal, para que tome as medidas necesarias, non só operativas, senón tamén de presión política para atallar este grave problema medioambiental.

Neste sentido, reclamamos da Administración pública galega a posta en marcha de medidas urxentes destinadas ao control da poboación e erradicación desta especie invasora que está prexudicando ao ecosistema galego.

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas “Mini”, que traslada ao Parlamento esta demanda, solicita, a través da proposición non de lei , que a competencia para a xestión da loita contra a velutina sexa asumida por un único organismo especializado na Comisión de Seguimento e que sume todos os coñecementos e métodos de loita contando coa presenza do sector asociativo apícola nas súas reunións.

Por outra parte, o deputado nacionalista apela á loita preventiva durante a primavera co “trampeo” para a captura de raíñas evitando o nacemento de novas colonias de velutina, e que sexa a Consellería de Medio Ambiente quen asuma o labor de trampeo como unha das estratexias de control citadas no Decreto Español que regula o Catálogo de especies exóticas invasoras.

Finalmente, Xose Luís Rivas tamén defenderá a plena aplicación das actuacións de coordinación recollidas no documento “Estratexias de xestión, control e posíbel erradicación do tártago asiático”, no que se designa ao MAGRAMA e máis ao Grupo de Traballo de Especies Exóticas Invasoras (GTEEI), como a entidades competentes para á coordinación entre Administracións e verificar a “utilidade e funcionalidade” de TRAGSA no combate desta especie invasora.

Como indicamos xa pasado mes de agosto, insistimos na necesidade de que se tomen medidas urxentes para erradicar a vespa velutina, porque se este ano foi malo, o vindeiro será moito peor coa aparición de novas colonias.

Advertisements