A Rúa da Cultura é unha selva


 

WhatsApp Image 2017-09-02 at 20.58.03O BNG insta ao goberno municipal a mellorar con urxencia a habitabilidade da Rúa e a recuperar a nosa proposta de 2016 para converter a Rúa da Cultura nunha rúa para o esparexemento

A Rúa da Cultura é unha selva, literalmente. Calquera veciño ou veciña que decida pasear ou practicar deporte nesta zona do casco urbano, terá por diante unha carreira de obstáculos para sortear a matogueira que ocupa a metade da beirarrúa.

Este é o estado no que se atopa o que será unha das rúas máis transitadas da Estrada na vindeiras semanas, camiño obrigado para boa parte da mocidade que estuda nos institutos do concello; máis a rúa da Cultura tamén dará a benvidas aos milleiros de visitantes da vindeira Feira do Moble de Galiza, que se celebrará entre o 16 e o 24 deste mes de setembro.

Desde o BNG da Estrada instamos ao Goberno municipal a mellorar con urxencia a habitabilidade da Rúa da Cultura; non é de recibo que unha rúa tan transitada, na que habitualmente se poden ver a veciños e veciñas facendo deporte, estea neste estado tan lamentábel.

Por outra parte, instamos ao goberno municipal a retomar a proposta do BNG para converter a Rúa da Cultura nunha rúa para o esparexemento de veciñas e veciños, no canto de deixala abandonada á súa sorte como está actualmente. Esta idea, que tomou a forma de moción en abril de 2016, pedíamos unha reordenación do tráfico na contorna dos institutos e pavillóns orientada á circulación dos vehículos nunha soa dirección. Tamén solicitamos fixar a velocidade máxima en toda a zona en 30 km/h e implantar sistemas de moderación do tráfico en toda a área, especialmente naqueles espazos onde haxa maior afluencia peonil (institutos e pavillóns), así como mellorar a iluminación en toda a zona, privilexiando aos peóns no canto de os coches.